O valor seguro dunha comida enxebre

XOSÉ AMADOR

SABE BEN

xoan a. adoitar

Cando o comensal cruza a porta de entrada ao mesón Enxebre sabe que se penetra nun territorio gastronómico que lle ofrece produtos de calidade do mar e de terra dentro, cunha cociña coidada e unha presentación e atención propia dos bos restaurantes.

13 novs 2018 . Actualizado ás 12:11 h.

O nome dos restaurantes denota (o que significa á marxe do contexto) e connota (o conxunto de significados que adquire nun lugar e nun contexto). Talvez por iso a elección de Enxebre para unha casa de comidas sitúanos nun territorio gastronómico de algo auténtico e típico, neste caso de Galicia.  Sen grandes alardes, todos os detalles desta casa de comidas están pensados para unha experiencia gastronómica no centro de Santiago, á sombra da Catedral e o Pazo de Raxoi, na que todos os protagonistas se senten nunha nube de tradición. Cunha boa selección do produto e unha cociña coidada, o comensal que acode ao Enxebre pode probar desde uns bos queixos de Arzúa ata un polbo á feira, lascas de lacón á feira ou unha tortilla de pataca e chourizo. Do mar pode elixir entre zamburiñas asadas no seu mollo, unha vieira á galega, caldeirada de peixes e moluscos ou unha robaliza de ración ás costas. Da terra, unha tixola de ovos fritos con zorza e patacas, un lombo de tenreira lechal á prancha con patacas e pementos ou un codillo de porco confitado con repolo e pasas. Os arroces e unhas boas larpeiradas completan os principais pratos da oferta.

ONDE ESTÁN

Na praza do Obradoiro. 981582200.

HORARIO

O establecemento abre todos os días, de 13 a 16 horas, e de 20 a 23,30 horas.

recomenda

Ensalada de galo de curral, caldeirada de peixes e moluscos, e degustación de sobremesas caseiras. 18,50, adega á parte.