A casa con balas de palla en Vedra: «Os nosos fillos xa din que os tres porquiños non sabían construír»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

É unha das poucas casas de Galicia que opta por este material. A vivenda, que os donos autoconstruyen, baséase en madeira, palla e barro. «Coa palla, salvo algunhas limitacións, son todo vantaxes», explican os seus promotores. «Gústanos o feito de que, no caso de termos que mudar, que sexa unha casa biodegradable», estiman

22 nov 2025 . Actualizado á 08:10 h.

O monfortino Breogán Udías e a santiaguesa Natalia Fernández non esconden a súa impaciencia e as súas ganas por poder entrar xa a vivir na vivenda que proxectan desde o 2019 e autoconstruyen, desde un ano despois, en Vedra. «Nós, desde o comezo, o único que tiñamos claro foi o de construíla en palla. Tras asistir hai anos a cursos, de Enxeñería Sen Fronteiras ou de Espiga, a Asociación Galega para a Bioconstrución, e ver casas en palla noutros lugares, como en Cantabria, decidímonos. Tras valorar moito se rehabilitar ou construír, decidímonos ao final por isto último. Namoramos desta finca en Vedra e comezamos. O que pasou foi que, xunto a pandemia, chegaron anos de moitas chuvias e todo se foi retrasando. O primeiro verán colleunos mesmo sen a cuberta feita», lamenta Nati por teléfono, sen pasar por alto que, desde o principio, foi un proxecto vivo, con moitas modificacións.

«Iamos atopando dificultades ás que buscabamos solución. Foi de moita axuda traballar co arquitecto Miguel Serrano e co aparellador Roberto Roget. Escoitan moito. Xunto a eles, foi máis sinxelo darlle forma e ver que a vivenda que imaxinabamos era posible», estima Breogán.

Breogán Udías y Natalia Fernández
Breogán Udías e Natalia Fernández

«Dende o comezo foi un proxecto en común, con xornadas de traballo e encontros nos que familiares, amigos, veciños e persoas sensibilizadas coa bioconstrución, sumaron. A comunidade de La Garma, en Llanos de Penagos, Cantabria, axudou a alzar os primeiros muros; Rikki Nitkin, de Logroño, deunos a seguridade do coñecemento e a súa experiencia. Logramos converter isto nun recuncho onde compartir e difundir, tamén sobre vivenda», reflexiona desde o enclave, repasando, onda Miguel e Roberto, as características dunha das poucas casas de balas de palla de Galicia. «A min o emprego de materiais naturais non me era ademais descoñecido. Eu crieime nunha casa de terra, levantada coa técnica do tapial, común en Monforte. Afectivamente era un tipo de construción que me lembraba a miña... Nati e máis eu sempre tivemos claro o de optar por unha vivenda que fose saudable para nós e para o entorno», subliña Breogán.

«Eu defendo que se pode construír con produtos o máis naturais posibles. Coa palla, que se empregou sempre, é moi fácil autoconstruír, algo que os donos da casa tiñan claro. As balas de palla, que se empezaron a empregar na construción en Nebraska, en EE.UU, estendéronse por Europa desde os 80 e a España chegaron no cambio de século. Anteriormente eu xa as empregara, aínda que en vivendas máis pequenas», explica Miguel Serrano ante unha casa de 150 metros cadrados e desde a que rebate as suspicacias que ese material aínda pode levantar, tamén ante o chuvioso tempo de Galicia.

«É certo que se deixas as balas de palla ao aire, en varios anos podrecen. Pero na vivenda non están así. A estrutura está revestida, pechada. Nela non entra a auga. Hai, ademais, como unha sobrecimentación. Unha fila de termoarxila separa o chan das balas», sinala co pé, mentres Breogán non nega que, ao contarlle o proxecto á xente, para moitos é difícil non pensar na fábula clásica dOs tres cerditos. «Na casa relatamos outro conto, que mesmo mercáramos antes de ter fillos. É o de Las tres cerditas y la inspectora medioambiental —a loba—, escrito por unha autora que reside en Cáceres. Nesa historia, que lle dá a volta á clásica, as protagonistas aprenden técnicas de construción ambientalmente axeitadas… Os meus fillos xa din que os tres porquiños non sabían autoconstruír», chancea Breogán, quen, tras formarse e traballar como educador social, cambiou á carpintería, algo que lle axudou tamén coa súa casa, cuxa obra iniciaron en agosto do 2020.

«A vivenda é peculiar xa desde abaixo, ao estar nun terreo en desnivel. A estrutura levantouse con muros ciclópeos [realizados con grandes pedras con argamasa], neste caso, de cal e pedra. Iso é a estrutura de cimentación; non se empregou formigón convencional neles», subliña Miguel Serrano. «Sobre os muros hai un forxado de madeira, unhas vigas, que soportan a casa. A partir de aí, é cando, realmente, comeza o de palla. Hai vivendas nas que a propia palla é estrutural, aguanta todo, pero neste caso, e ao ser ademais grande, cunha planta engadida amais, optamos como elemento base pola madeira para estar máis seguros», aclara, mentres os tres pasan ao interior, onde, nun espazo único, exponse salón, comedor e cociña. Hai ademais catro dormitorios e, nunha planta superior, outro espazo común. De forma anexa, estaría un taller ou espazo de usos múltiples, e xa na outra fachada, posterior e baixa, «como unha adega».

Dentro do espazo principal, Breogán colle un mazo nunha das poucas zonas onde quedan á vista balas de palla, e relata o proceso de autoconstrucción. «Entre unhas chapas de madeira, abocamos a bala no oco. Logo, para conseguir fondura e deixala enrasada co zuncho, empregamos a maza. As balas teñen que ir a presión para que quede o muro compacto. De feito, á vez que lle damos os golpes, retumba todo. A bala encolle, pero ata certo punto. Unha vez comprimida, sendo ríxida, tamén fai de sostén da madeira. Todo o conxunto é o que resiste», remarca, profundando Miguel Serrano nas bondades do material. «A palla é moi boa como illante, pero coa vantaxe de que as balas teñen un espesor de ata 45 centímetros… Os materiais que lle engadimos, como barros ou cales, regulan ademais tamén a temperatura, a humidade... Axudan a que este sexa un espazo moi confortable hidrotermicamente», destaca o arquitecto, admitindo certos condicionantes —«Respecto á mentalidade da construción convencional»— que implica optar por ese material. «Hai que ir coas estacións do ano; non hai disposición a diario, coma se se pedisen palés de ladrillos. Outra cousa é o tamaño, atopándose con máis facilidade balas grandes. Estas, máis pequenas, de 75 e 110 centímetros de longo, viñeron de Palas e de León. Despois, segundo a forma que teñan, poden obrigar a reconfigurar os montantes do muro. Hai que comprobar que teñan boas condicións de presión, que non teñan humidade interior. Débense almacenar nunhas zonas separadas do chan e ventiladas. Unha vez colocadas en obra, e revocadas, non hai problema. Salvo por estas limitacións, coa palla son todas vantaxes», aclaran, sostendo Miguel Serrano que apostar por certos materiais «non supón un hándicap á hora de obter a cédula de habitabilidade».

El arquitecto Miguel Serrano y el dueño, Breogán Udías
O arquitecto Miguel Serrano e o dono, Breogán Udías XOAN A. SOLER

Sobre todo nestes tempos de encarecemento na construción e vivenda, non obvian ademais o que supón optar por eses materiais e pola autoconstrucción. «Para tódolos muros o que gastamos en palla non supera os 1.800 euros. Para a base da estrutura, optamos por unha madeira verde, máis económica, non chegándose aos 4.000 euros. A madeira laminada dos forxados e da cuberta subiu aos 17.000 euros», razoa Breogán. «Sobre todo é de valorar o que supón de aforro ao ter en conta, comparado cun cerramento de envolvente convencional o que implicaría igualar as propiedades do illamento deste sistema», reflexiona o aparellador Roberto Roget, quen admite que tamén traballa noutra casa con balas de palla en Miño e noutra, aínda en fase de cimentación, na Estrada.

«A autoconstrución tamén é cada vez máis común en Galicia. Aínda así, non todo o mundo vale. Hai que pensar se es capaz, se tes gañas, se non te quedas estancado...», reflexiona Miguel Serrano, recoñecendo o esforzo e tesón de Nati e Breogán, quen trata de sacar todo o tempo que poden para traballar na súa futura casa.

«É de valorar que Breogán e Nati quixeran ser coherentes e respectuosos co proxecto ata o final, innovando tamén por iso. Un residuo de obra, mesturado con cal, reutilizouse como illante…», estima Roberto Roget, comparando, desde a adega posterior, algunha solución. «O único sitio onde se empregou cemento foi nunhas zapatas que levantan este muro. Antes de que houbese saída de augas, esta estancia anegouse por fortes chuvias e mentres que a zapata tivo humidade durante un mes, o muro de cal, polo que se apostou na casa, xa a liberara en quince días», realza.

De novo desde a entrada do terreo, onde xa se instalaron uns paneis solares, Breogán avanza que a súa será unha casa desconectada. «Nati é, entre outras cousas, electricista de formación. Aínda que non foi quen fixo a instalación dos paneis, si foi quen se encargou dos debates no tema. Ao comezo valoramos ter subministración tradicional, pero ao non haber poste na contorna, xa nos decidimos», aclara, compartindo outra ilusión común. «Algo que nos gustaba moito era pensar que no momento no que a casa xa non nos servira, ou por termos que mudar, saber que, ao quitarlle a cuberta, case a totalidade dos materiais podrecerían e serían absorbidos polo terreo. Pódese dicir que é unha casa biodegradable», asegura Breogán. «Aínda así hai que pensar en que vai durar toda a súa vida. Nós e os nosos fillos viviremos aquí», estiman, aclarando que na actualidade os traballos na casa céntranse nos chans, teitos, peches, fiestras e portas. «A nosa idea é que estea lista o ano que vén, e xa poder entrar a vivir», anhelan.