A primeira colección galega de serigrafía chega a Muras: «En 1971 fíxose para democratizar o acceso á arte e agora traémola á aldea»
MURAS

A exposición abre o sábado 19 de xullo no lugar de As Aguias, con 44 obras de 19 autores, como Seoane ou Laxeiro. Proceden do arquivo de Antía Cal
16 jul 2025 . Actualizado a las 12:48 h.Libros e arte para o pobo. Esa era nos anos sesenta a meta dos irmáns Álvarez Blázquez, que impulsaron editoriais como Monterrey e Castrelos, ou empresas como os talleres de SEGA (Serigrafía Gallega), en Vigo. Ese obxectivo de democratizar o acceso á cultura, facéndoa accesible para todo o mundo, é o testemuño que recollen agora desde o LABC, o Legado Activo Beiras Cal, que organiza en Muras a exposición Vigo Muras. Serigrafía Galega 1971. Tributo aos irmáns Álvarez Blázquez. Trátase dunha mostra única, de 44 serigrafías de 19 autores, como Seoane ou Laxeiro, que se inaugura o sábado 19 ás 12.00 horas na aldea das Aguias, na antiga caseta de Correos. «En 1971 fíxose para democratizar o acceso á arte e agora nós pechamos un pouco o ciclo e traémola á aldea, a onde nunca chegan estas iniciativas», explica Carme Varela, secretaria do LABC.
A exposición é a primeira colección de arte galega que se fixo en serigrafía e ten as súas orixes a finais dos anos sesenta. «Álvaro Álvarez Blázquez monta en Vigo Serigrafía Gallega, dedicada a traballos comerciais (pegatinas, postais...), pero sempre tivo en mente a idea de popularizar a arte. O problema é que a serigrafía non era unha técnica moi estendida aínda no sector», segundo conta Carme Varela. Finalmente, conseguiu convencer a 19 autores para participar nun proxecto pioneiro: unha colección de arte galega, moi heteroxénea, en serigrafía, con 300 copias de cada cadro: «Había artistas de primeira liña, como Laxeiro, Virxilio ou Seoane, que aportaron varios cadros, e outros menos coñecidos, como Xosé Luís de Dios ou Vidal Souto, os chamados ‘artistiñas de Ourense’, que aportaron unha obra», engade.

Exportar cultura galega
Coas obras, no 1971, iniciáronse unha serie de exposicións por Galicia e polo resto de España, cun grande éxito, como admitían en algunhas galerías estatais, onde a cualificaban como «a exposición con máis éxito comercial do ano». Nese momento, Antía Cal, xa viúva, decide mercar a colección completa, que é a que se poderá ver en Muras a partir do sábado. Unha oportunidade única de ver a serie ao completo e nunha contorna exclusiva. Hai obras de Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio, Prego, X. Luís de Dios, X. Quessada, A. Quesada, A. Datas, Sevillano, Mercedes Ruibal, M. Antonia Dans, Vidal Souto, Rafael Alonso, Bofill, X. Maside, Pérez Belas, Ventura Cores e Sesto Novás. A exposición complétase cunha mostra bibliográfica, tamén saída da biblioteca de Antía Cal, que lles foi mercando aos irmáns Álvarez Blázquez, cuxas editoriais contaban co lema «Libros do pobo para o pobo». Cadros e libros viaxan agora de Vigo a Muras, como outrora viaxaran Antón e Antía, «do concello con máis poboación de Galicia a un dos máis despoboados».
A iniciativa de Serigrafía Gallega, en 1971, unha auténtica fábrica cultural, foi moi novidosa no seu día: «Hai que ter en conta que esta técnica non estaba moi popularizada na arte. Pero, ademais, os posibles compradores viron que podían acceder a mercar arte, que tiña o seu valor, coa sinatura do artista e cumprindo unhas garantías, como a destrución das planchas ante notario unha vez tiradas as 300 copias, que era o que lle outorgaba esa exclusividade», continúa Varela.
Tamén é reseñable a labor editorial da familia Álvarez Blázquez como grandes difusores de cultura galega. «Manolo Bragado, que foi director de Xerais, dicía que realmente a edición contemporánea en Galicia comeza con José María Álvarez Blázquez. Hai que lembrar que nos anos sesenta, cun esforzo titánico, conseguiu ter 220 puntos de venda de libro en galego, algo enorme. Ese foi un esforzo ímprobo por popularizar a cultura galega».
Ata outubro
O acto do sábado 19 contará coas intervencións, entre outros, da filla máis nova e do fillo maior de Antía Cal e Antón Beiras, ademais dun fillo de Álvaro Álvarez Blázquez: «Son dúas familias unidas polo amor a Galicia e á cultura do país», sinalan desde o LABC. A mostra, que será a segunda que se organiza en Muras polo LABC no último ano, poderá visitarse ata o 19 de outubro. Estará aberta de venres a domingo, de 10.00 a 20.00 horas, pero pódense concertar visitas noutros horarios e días chamando previamente ao 630 941 270.