De Muras a París: a viaxe dun exemplar do «Alba de gloria» de Castelao en defensa do galego

LUGO









O libro pertence ao legado de Antón Beiras e de Antía Cal e mándase á Unesco
20 may 2025 . Actualizado á 17:42 h.A casa na que Antía Cal (1923-2022) pasou a nenez en Muras tiña tenda e era o lugar no que se recollía o correo. Este martes recuperou en certa maneira ese labor, pois de alí saiu un envío cheo de valor e de simbolismo. O que se mandou era nada menos ca un exemplar da primeira edición do «Alba de gloria» de Castelao que había nesa casa. A data elixida non era casual, xa que este mércores ten lugar o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Co envío téntase reclamar apoio a políticas lingüísticas que lle garantan un futuro ao galego.
O libro pertencía ao Legado Activo Beiras Cal, nome co que os fillos do matrimonio formado polo médico Antón Beiras (1915-1968) e por Antía Cal queren manter o herdo cultural recibido na familia pero tamén defender o valor da Galicia rural na historia do país, especialmente na conservación do idioma.
O envío preparouse nun acto no que houbo calor humano e presenza institucional. Estiveron presentes nenos do colexio de Muras e as irmás Antía e Bea Beiras Cal, pero tamén o alcalde local, Manuel Requeijo, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Co exemplar pertencente ao Legado Activo Beiras Cal mandáronse tamén unha carta á directora xeral da Unesco na que se explica a importancia do libro, unha carta dos alumnos e unha edición do «Alba de gloria» preparada por Monteagudo.
Bea Beiras Cal, a máis nova dos fillos do matrimonio, recoñecía tras o acto que a xornada fora emotiva. A calor humana que lle puxo a xente que se achegou á casa tivo un contrapunto oficial coa comunicación en directo que se estableceu co embaixador de España na Unesco, Miquel Iceta. O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, amosouse satisfeito por un acto coma o de onte, que permite, dixo, que un concello «pequeno e rural» acade visibilidade diante da Unesco; pero tamén salientou a necesidade de que o idioma xere apoio social: «É importante que nos impliquemos todos», afirmou. O presidente da Real Academia Galega relacionou a diversidade lingüística coa diversidade humana e co territorio. Por iso subliñou que cómpre garantir que a xente poida vivir no rural en condicións dignas.
Unha chegada clandestina
O libro, que recolle un discurso pronunciado por Castelao en 1948 en Bos Aires, debeu de chegar á casa de Antón Beiras e de Antía Cal, que vivían en Vigo, de xeito clandestino. Para Monteagudo, trátase dunha afervoada gabanza do pobo galego como «fiel custodio do idioma galego a través dos séculos». Bea Beiras Cal defendeu a importancia da Galicia rural e afirmou que a casa que acolle o legado tenta cumprir ese papel. Non só hai que recoñecer o traballo da Galicia «que protexeu o noso idioma», senón que, engadiu, «a xente das cidades ten que coñecer estoutra realidade».
A casa non se concibe como un museo. O que se tenta é que o legado alí gardado —nun lugar cheo de lembranzas para os herdeiros do matrimonio Beiras Cal polos bos momentos alí vividos— siga vivo para facer honor ao nome. Para este vindeiro verán, engadiu Bea Beiras Cal, prevense actividades.