No ano dedicado ao artista rianxeiro polo 75.º aniversario da súa morte en Bos Aires, cabe honrar tamén a data do seu nacemento en 1886, un 29 de xaneiro
30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.É o noso un pobo ao que lle gustan as celebracións. E a cal non?, preguntaríase calquera. Mais evoco agora aquí aquelas que se articulan por volta dunha efeméride ou dun cabodano. Deberíanos ocorrer estes días coa figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ocupando as páxinas dun almanaque que non debería dar respiro en Galicia toda —un desiderátum, diría un amigo meu— entre mesas redondas, encontros, conferencias, reedicións da súa obra, lecturas públicas..., mais tamén con outras iniciativas que achegasen, ou volvesen achegar, as claves da súa figura e obra, o que significou para a cultura galega do século XX, e non só para as persoas que saben quen foi, pois é unha responsabilidade, ou así o entendo, que temos moitas persoas de formar na memoria e no coñecemento á nosa mocidade, talvez hoxe falta de referentes. Honrar a Castelao é, ao tempo, unha obriga para os que podemos facelo: o seu perfil transversal así nolo esixe.
Todo isto vén a conto polo feito de que precisamente estes días pensaba nas 129 candeas que son as que sopraría este mércores de estar aínda entre nós: cada unha simbolizando os anos transcorridos desde o seu nacemento, pois el segue a estar canda nós ao ler a súa obra e ao citar o seu nome. Un festexo que contaxiase ilusión e esperanza a partes iguais, e que puxese o foco nos aspectos modélicos do seu legado: nesa defensa irrenunciable da lingua galega, no herdo literario que nos deixou e nos perfís artísticos e políticos que simboliza.
Pensaba nisto mentres, desde un centro de ensino público, o IES Castelao de Vigo, organizabamos —con escasos recursos, mais con moita entrega— un programa de actividades que quere ser ambicioso para homenaxealo como se debe.
Seixas Seoane
Botou este mércortes a andar esta programación cun encontro que acolle a presenza de Miguel Anxo Seixas Seoane —quen máis sabe de Castelao hoxe—, Marilar Aleixandre —académica e escritora que impulsou a candidatura do egrexio rianxeiro para darlle nome a este centro vigués— e dous docentes do noso claustro que son memoria, presente e futuro do instituto: Sara Alonso e Cándido Paniagua.
Oxalá que agromen iniciativas parellas país adiante para que se incorporen máis e máis espazos, institucións e entidades, cuxa obriga é, tamén, difundir e defender este patrimonio común que é Castelao e que tanto nos debería unir.