Muras e as escolas rurais

MURAS

20 may 2025 . Actualizado á 19:09 h.

Os nenos e nenas do CEIP Antía Cal, de Muras, veñen de escribir e asinar unha carta dirixida á directora xeral da UNESCO que encabezan dicindo «Querida Audrey Azoulay». Nela, describen a súa escola, a súa pequena comunidade de 15 rapazas e rapaces e dúas mestras e manifestan a conciencia de seren cada vez menos, mais afirman o valor do que son e daquilo do que terman: «Vemos como moitas escolas pequenas van desaparecendo e con elas vaise Muras». E, á par dese esmorecemento do territorio, senten tamén o da lingua, o dese galego que «sempre foi a lingua que máis se falou, a que usaban os nosos avós». Piden, en fin, apoio para as escolas do rural e envían como agasallo un exemplar da primeira edición do discurso «Alba de Gloria», de Castelao.

Non nos debería estrañar a escolla dunha entidade aparentemente tan afastada como a UNESCO por parte dos cativiños e cativiñas de Muras para procuraren a axuda que permita que a súa escola (e outras coma ela) sigan a existir. Lembro que, nas obras de teatro barroco, tamén tiña que vir o rei de lonxe a pór xustiza alí onde o próximo non funcionaba. Non habiamos ser nós quen máis termásemos do noso, os que mellor soubésemos do seu valor, os que, en fin, estivésemos dispostos a pór os medios ou pedilos a instancias superiores?

Seica non. Poida que esa carta escrita a man, con caligrafía infantil, por un estudante de primaria en Muras acabe tendo máis efecto que unha lea de formularios e escritos burocráticos. Non se atén a prazos, nin convocatorias, nin procedementos ou protocolos. Nas sinaturas ao pé non constan cargos e foron feitas a man, non con certificado dixital. E, malia todo, quizais consiga o seu obxectivo alí onde outros procedementos fracasarían. A loita polas nosas escolas rurais e polo dereito destes nenos e nenas a aprenderen en galego preto das súas aldeas é algo que debe convocarnos. A nós, e á Unesco.