Detido un home despois de que a súa parella se precipitase desde un cuarto piso no Barco de Valdeorras: «Escoitei un berro moi forte de auxilio»
O BARCO DE VALDEORRAS

Veciños de asegúrana praza de Andrés de Prada que a muller, de 35 anos de idade, presentaba negróns e feridas previas á caída
20 may 2025 . Actualizado á 18:32 h.Un home de 43 anos foi detido despois de que a súa parella se precipitase desde o cuarto piso dun edificio situado na praza de Andrés de Prada, no concello ourensán do Barco de Valdeorras. Os dous son de nacionalidade colombiana e vivían xuntos, de alugueiro, cun neno de 4 anos.
Ata o lugar, ademais da Garda Civil e da Policía Local, acudiron tamén sanitarios do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que levaron á muller, de 35 anos, ao centro hospitalario do Barco, en estado grave. Estaba inconsciente, pero con pulso. Alí os médicos estabilizárona. Pouco despois, un helicóptero trasladouna ao hospital de Vigo debido á gravidade das feridas.
As forzas e corpos de seguridade abriron unha investigación para tratar de esclarecer o sucedido. Segundo indicaron testemuñas presenciais, antes de que se precipitará desde o cuarto piso do seu edificio a muller pediría auxilio.
«Escoitei un berro moi forte de auxilio e cando me virei vin como un corpo caía na beirarrúa. Fun correndo onde a moza e ao principio pensei que non estaba viva, porque non a vía respirar. Deime conta de que estaba espida de cintura para abaixo», explicou a La Voz a primeira persoa que socorreu á muller e encargouse de chamar aos servizos de emerxencia.
«Na zona dos nocellos tiña marcas e na boneca dereita, onde lle comprobamos o pulso, tiña negróns que, evidentemente, non eran da caída», detalla. O forte impacto provocoulle fracturas así como unha hemorraxia na cabeza aínda que as testemuñas aseguran que tiña restos de sangue no peito que poderían estar provocados por cortes previos á caída.
Cando os veciños quixeron comprobar de onde caera chegaron a tempo de ver como se pechaba a persiana do cuarto piso, onde residía a muller coa súa parella. Cando foi detido pola Garda Civil, o home tamén presentaba cortes.
Desde o Concello do Barco aseguraron que nos servizos sociais non constaban denuncias por parte da muller, nin intervencións dos profesionais municipais. Ante a posibilidade de que se trate dun caso de violencia de xénero, convocou unha concentración mañá, mércores, ao mediodía ás portas do Concello.
Doutra banda, a Subdelegación do Goberno informou que, segundo os datos dos que dispón, a vítima non presentara denuncias contra a súa parella nin figura no rexistro VioGén.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.