O último rexedor socialista de Boiro é clave para que o PSOE consiga a alcaldía

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

La Voz

Muros e A Pobra son os outros dous municipios nos que o bastón de mando segue no aire ata última hora

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Corría 1991 e celebrábanse as cuartas eleccións municipais da democracia. Boiro viña dun convulso mandato no que unha moción de censura apease da alcaldía a Manuel Velo, que, á fronte do PSOE, lograra unha ampla maioría absoluta (11 de 17 concelleiros) catro anos antes. O electorado volvía votar maioritariamente ao mesmo Velo que encabezaba a papeleta socialista, pero quedaba a unha acta da ansiada maioría absoluta, que apontoou co apoio dun edil do BNG.

Foi o último mandato socialista en Boiro, e tanto o partido como o que entón o encabezaba volven atoparse, 28 anos despois, con mesma alcaldía polo medio, aínda que, esta vez, o candidato a rexedor é outro, José Ramón Romero , Martiño, que, salvo sorpresa, converterase no sétimo alcalde do municipio no período constitucional. E se é certo que o termo sempre estivo abonado ás sorpresas, parece improbable que este mediodía se produza unha, máxime tendo en conta que a maioría absoluta da lista máis votada, a do PP, atópase a dúas actas e todos os seus rivais se expresaron a favor dun cambio de goberno.

Despois de Ribeira, onde todo parece encamiñado á terceira alcaldía de Manuel Ruiz, que tamén está a dous edís da maioría absoluta, Boiro é un Concello moi apetecible a nivel político, e pícaa en Flandes dun PSOE que soña con volver a aqueles tempos de dominio socialista no territorio barbancés. Se nada se lle torce aos do puño e a rosa, esta noite deitaranse con polo menos dous bastóns de mando na zona, porque o de Carnota se pode considerar seguro, por ser a lista máis votada o 26-M, encabezada por Juan Manuel Saborido.

Diferenzas insalvables

Ben é verdade que os socialistas viron a posibilidade de facerse co mando do Concello de Muros, onde as forzas de esquerdas son maioritarias e o PSOE, o máis votado destas, pero as diferenzas insalvables entre a cabeza de lista do puño e a rosa, Caridad González, e a de Compromiso por Galicia, María Xosé Alfonso, imposibilitaron un acordo previo e un desenlace que non se fará firme ata o pleno constituínte de hoxe, pero cabe lembrar que no 2015 produciuse unha situación similar e a que hoxe nega o respaldo á socialista tirou proveito da manobra daquela para gobernar en minoría os últimos catro anos.

E o terceiro municipio sobre o que, ao peche desta edición, sobrevoaban algunhas incógnitas é A Pobra, onde, como pode lerse nesta mesma páxina, Nós e o PSOE acadaron un acordo de goberno, pero a teimosa aritmética sinala que non suman a maioría absoluta, e se ben o BNG (dous concelleiros) xa dixo por activa e por pasiva que non apoiará ao PP (cinco concelleiros), nos últimos días os mentideros falan dun harakiri popular que daría a alcaldía aos frontistas.

No que incumbe aos demais concellos, os pactos de goberno auguran tranquilidade en Noia e Rianxo, pero non tanta como nas maiorías absolutas de Mazaricos, Porto do Son e Lousame, mentres que en Outes gobernará a lista máis votada.