O cerco acabou en horas co bocarte que podía capturar do Miño a Fisterra
PESCA E MARISQUEO

O ministerio pecha a pesqueira e en Galicia solicitan un anticipo de cotas
09 ago 2025 . Actualizado á 04:45 h.Sen límite de capturas, a aparición dun gran banco de bocarte (anchoa ou bocarte) na ría de Muros e Noia derivou en descargas masivas de máis de medio millón de quilos en Portosín, Ribeira, Muros e Porto do Son. O aluvión influíu no prezo por quilo que lles pagaron aos pescadores, que en horas acabaron co que lles quedaba das 718 toneladas que podían coller do 1 de xullo ao 30 de setembro entre o Miño e Fisterra. Isaac Gaciño, patrón maior de Portosín, comparte con outros profesionais do sector a demanda de topes diarios por barco. A Consellería do Mar apóiaos e solicitoullo ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Chegan tarde. O ministerio comunicou onte que a medianoite deste domingo pecha a «pesca olímpica» de bocarte nesa zona, onde xa se capturou máis do permitido. Por se o bocarte reaparece do Miño a Fisterra, Gaciño avoga porque Pesca solicite un anticipo da cota que a Comisión Europea prevé aprobar en setembro. Iso si, marcando límites, como os propostos por Mar ao ministerio: 5.000 quilos por día para os barcos máis grandes e 4.000 para o resto.
Renegociar a repartición con Portugal
Cándido Rial, director de Pesca na Xunta, lémbralle ao ministerio que as 718 toneladas para o cerco de Galicia e do resto do Cantábrico son o 10% das repartidas de Fisterra ao sur de Portugal, que conta con 6.462. Propón revisar esa repartición porque Galicia «sae moi prexudicada».