




Os dous focos afectan o Concello de Monfero: un orixinouse baixo unha liña de media tensión en San Xiá e outro en San Bartolomé, preto das casas
10 ago 2025 . Actualizado á 22:03 h.Dous incendios forestais, case simultáneos, desencadeáronse este domingo pola tarde no municipio de Monfero. Un deles queimou unhas cinco hectáreas dentro do parque natural das Fragas do Eume e obrigou a desaloxar o mosteiro de Caaveiro.
O outro lume declarouse, tamén no termo municipal de Monfero, aínda que baixo unha liña de media tensión ao redor das cinco da tarde. O tenente de alcalde deste municipio, Alberto Cortizas, detallou que comezou a arder en Santa Xiá, case con toda probabilidade, ao saltar faíscas dos postes da luz. E asegurou que «medios aéreos, motobombas e cuadrillas traballaron arreo para controlar o lume».
Fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron que se enviaron á zona a dous axentes, tres brigadas, dúas motobombas, unha pa e o helicóptero. A media tarde xa daban por extinguido o lume que afectou o parque natural. Nesta zona os primeiros en intervir foron os veciños da parroquia de San Bartolomé, coñecida como do Parrote e que xa forma parte das Fragas. O tenente de alcalde de Monfero precisou que se enviaron recursos para axudar aos veciños para sufocar as chamas que chegaron preto dun núcleo dunha decena de vivendas.
Outros residentes en lugares próximos ás chamas quedaron sen subministración eléctrica, debido a que un dos focos afectou á liña que lles daba servizo. Nos dous casos formouse unha gran fumareda que se podía ver desde diferentes municipios. A taberna de Caaveiro desaloxouse, xa que este local está situado nas proximidades do mosteiro, aínda que no Concello da Capela. Os dous lumes quedaron estabilizados a última hora da tarde, pero os diferentes servizos contraincendios seguen vixiantes por se se reavivaban co vento.