















Figura esencial do teatro galego e Premio Nacional de Literatura Dramática, finou na Coruña aos 82 anos. «Perder a lingua é o peor que pode pasar», aseguraba nunha recente entrevista
10 ago 2025 . Actualizado á 22:13 h.Manuel Lourenzo Pérez (Ferreira do Valadouro, 1943) era un home sabio. De poucas palabras, pero profundo coñecemento —aos cinco anos xa recoñecía que lía libros—, enchía os silencios de sabedoría e a súa vida de acción e de compromiso. De compromiso e amor polo teatro, unha paixón que mantivo ao longo da súa vida desde que de cativo presenciara no Valadouro un espectáculo de monicreques. Foi así, con coñecemento e acción como se converteu no impulsor e no gran referente do teatro galego e en galego. Ata a súa morte onte en A Coruña aos 82 anos.
Non so foi un dramaturgo recoñecido, actor icónico e impulsor de varias compañías e montaxes teatrais, senón que tamén foi o gran mestre de varias xeracións de actores. No ano 1978 foi xa o cofundador da Escola Dramática Galega e creador, hai 27 anos, do emblemático estudio CasaHamlet, xunto con Santiago Fernández, na que se formaron múltiples intérpretes da escena.
Licenciado en Interpretación polo Institut del Teatre de Barcelona e profesor de EXB, desde os anos sesenta fundou numerosos grupos e compañías teatrais independentes —a primeira O Facho, no ano 1965—, traduciu ao galego autores clásicos e contemporáneos como Eurípides, Sófocles, Chéjov, Goethe ou Fassbinder, conta con centos de libros publicados entre novelas, ensaios e, sobre todo, obras de teatro. En 1997 gañou o Premio nacional de Literatura Dramática pola obra Veladas Indecentes e, entre moitos outros recoñecementos, tamén foi o gañador, no 2024, do Premio da Cultura Galega na categoría de Letras e do Álvaro Cunqueiro. Mesmo o pasado maio recibiu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Sen embargo, e pese a que foi un xigante da escena, tanto como actor e como dramaturgo, o gran público coñeceuno grazas a súa intervención en series míticas de televisión como Mareas Vivas, onde interpretou a Melgacho, un auténtico oráculo do mar. Un vello mariñeiro de poucas palabras e cunha gran sabedoría. Como o mesmo Manuel Lourenzo. O seu papel tivo unha enorme pegada popular, como recordou o propio creador. «Aínda hai xente que me presenta así, como Melgacho», confesou nunha entrevista na que tamén lembraba que estivera en «50 películas. Sempre me gustou a precisión: no cine miras a un punto concreto, non é como o teatro. Buscas darlle o teu estilo, ter a posibilidade de aportar algo de ti». Foi o que fixo en Mareas Vivas.
O Melgacho de «Mareas Vivas»
A súa última gran intervención televisiva foi en Fariña, na que interpretaba a Terito, o contrabandista de tabaco. «Era bonito o papel de Terito. Antes de empezar a facelo encontreille unha clave: un tío meu que fora alcalde de Ferreira. Cando me vin vestido coa roupa de Fariña vinme como o tío Manolo. Foi a referencia: o que fixen foi de meu tío Manolo. A Terito non o coñecía, non cheguei a velo», recoñecía.
Gozaba do cine e da televisión, pero a súa paixón sempre foi o teatro, ao que sempre se entregou en corpo e alma. Nunha recente entrevista a La Voz recoñecía que estaba orgulloso de toda a súa carreira, pero do que máis era de «andar por toda a Península, e máis facendo teatro en galego. E cunha recepción magnífica». Na mesma pregunta gardábase un chisco final: «Tenta facer iso hoxe en día».
No ano 2022, cando se atopaba revisando a súa obra dramática a piques de ser publicada en sete tomos, lembraba como unha vez se referiran a el como traumaturgo. «Si, pero inocentemente. El pensou que se dicía así. E quedou moi ben porque para min quero o papel de traumaturgo no teatro. ¡Encantado de crear traumas!. Se o teatro pode crear traumas eu feliz, porque vale para algo. Por iso me chamo traumaturgo», lembraba. Alí facía balance tras un ano de premios. «Poder camiñar para min é o mellor premio. Dou paseos pouco longos, ando mal do corpo. Traballo aquí [o bar] pola mañá. Non me queixo de nada, teño todo o quero, o que necesito, a familia ben.... Xa podo morrer, porque non me podo queixar de nada... [sorrí] Pero sen présa», aseguraba.
El fíxoo, levou o teatro galego polo mundo. Aínda que no fondo gustaríalle facer como os pioneiros: levar o teatro polos pobos e rúas nunha caravana. Ca súa perda, o teatro galego queda orfo.
O mundo da cultura despide a «un grande dos que hai ben poucos»
Que Manuel Lourenzo deixou unha profunda pegada na cultura galega constátase nas múltiples reaccións de recoñecemento a súa figura que se sucederon nada máis coñecerse o seu pasamento e que abranguen desde o mundo cultural ao político.
O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escribiu que «a nosa cultura perde un referente inesquecible co falecemento de Manuel Lourenzo, homenaxeado co premio da Cultura Galega en Letras». Desde o BNG tamén se lle recoñece como «figura central do teatro e o audiovisual galegos, dramaturgo, voz recoñecida e comprometida coa lingua e a cultura do noso», unha homenaxe da que tamén quixo ser partícipe a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que califica o seu pasamento como «unha gran perda para o teatro e a cultura galega», e o deputado nacionalista en Madrid Néstor Rego: «unha perda inmensa», dixo.
Manuel Lourenzo morreu en A Coruña, onde fundara a escola teatral CasaHamlet, polo que o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, tamén lle dedicou unha lembranza. «Non só foi —escribiu— un dos grandes dramaturgos galegos, senón o pioneiro que abriu as portas do teatro galego contemporáneo e o mestre que desde CasaHamlet formou a xeracións de actores e actrices que hoxe seguen a súa senda». E a alcaldesa, Inés Rey, destacou que «o seu legado cultural e creativo seguirá vivo».
A Academia Galega do Audiovisual destaca que o creador de O Valadouro foi un «piar e referente da cultura galega contemporánea» e lembra que «recibiu o premio de honra da Academia en 2021». O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (Fiot), do que era asiduo, di que foi unha «figura imprescindible da creación do teatro galego» e recorda que no 2018 foi recoñecida a súa traxectoria co premio Xograr de Outono.
A nivel nacional, a Sociedad General de Autores (SGAE) o recorda como unha «figura clave y fundamental para el desarrollo del oficio teatral en Galicia de los años 60», mentres que o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña o define como «o máis insigne home de teatro que deu Galiza» e o Proxecto Barriga Verde destaca que «tiña unha tremenda sensibilidade cara as formas populares da escena. Vaise un grande dos que hai ben poucos na historia dunha cultura e dun país».
O concello de O Valadouro ten as bandeiras a media asta e este luns decretará tres días de loito oficial. Ademáis convocou un minuto de silencio ao mediodía, segundo informa Yolanda García.
Pola súa banda, a Mesa pola Normalización Lingüística lamenta a perda dun «exemplo de compromiso coa nosa lingua e cultura».