O comisario de Agricultura sobre a dermatosis nodular: «Temos que traballar máis co sector»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

Isaac Fontana | EFE

Aínda que a sanidade animal non é a súa competencia, Christophe Hansen recoñece estar moi preocupado e avanza que as patoloxías dos animais tamén se terán en conta na Estratexia para a Gandería da que dará máis detalles

05 nov 2025 . Actualizado á 08:30 h.

O impacto económico que suporía a detección dun caso de dermatosis nodular nunha explotación galega sería terrible. Dino no sector, desde onde algunhas voces reclaman que se negocie coa UE cambiar o status desta patoloxía de declaración obrigatoria que agora está dentro do grupo A, o que obriga non só a realizar un baleirado sanitario do gando, tamén  a destruír o penso ou o abono da granxa afectada. Esta modificación permitiría non ter que aplicar uns protocolos de prevención tan estritos en caso de detectarse un caso. O debate está nas consecuencias que podería ter flexibilizar esas medidas de control.Sobre todo porque podería retardar o control desta patoloxía altamente contaxiosa multiplicando o impacto económico nas granxas. Neste contexto e aínda que a sanidade animal non é unha competencia directa do seu departamento, enfermidades como a dermatosis nodular é un asunto que preocupa, e moito, ao comisario de Agricultura, Christophe Hansen. «Isto non é unha competencia directa miña, é de Oliver Varhely, pero os agricultores están preocupados e a situación preocúpame moito. Non lembro unha tempada na que tivésemos tantas enfermidades nos animais, unha tras outra, e preocúpame moito», explicou este martes en resposta a unha pregunta de xornalistas en Bruxelas.

Por esa razón fixo fincapé en que «temos que traballar máis (…) Falar co sector». Por que? Porque cando ocorren cousas como estas, como engadiu, é complicado atopar un equilibrio porque os agricultores non queren máis controis, pero ao mesmo tempo en caso de non aplicalos poderían ocorrer cousas que non queren que ocorran. Neste sentido, o comisario lembrou que desde o seu departamento están a traballar nunha Estratexia para a Gandería da que agarda poder detallar o ano que vén. «As enfermidades dos animais están entre unha das preocupacións maiores».

O comisario falou tamén da importancia de contar con seguros agrarios, aínda que actualmente o seguro de Agroseguro non cobre as enfermidades de declaración obrigatoria. Lembrou, ademais, que na proposta de marco financeiro recóllese un fondo Unity Safety Net cuns 900 millóns de euros por ano, que será o sucesor da reserva agrícola que agora conta cuns 400 millóns, que tamén podería axudar neste tipo de casos, «pero é unha competencia compartida entre os estados membro». Outros departamentos da UE, como engadiu, poden colaborar coas vacinas, pero desde Agricultura tamén poden botar unha man aos gandeiros que, por exemplo, non poden comercializar o leite por estar nunha zona afectada.