Alfonso Pato: «Cans axuda a construír cineastas de renome»

José G.Santalla BRUSELAS / E.LA VOZ

SOCIEDAD

+

O certame comeza o seu percorrido europeo coas curtas gañadoras

16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cans está no Porriño, non na costa francesa. Unha aclaración lóxica, mais necesaria ao falaren da terra que acolle, no mes de maio, un destacado festival cinematográfico visitado por caras recoñecidas e con proxección internacional. Cannes tamén o fai.

O certame galego de curtametraxes comeza en Bruxelas unha xira con paradas en París, Madrid e o norte de Portugal coas tres obras premiadas este ano: Curmán, de Alejandro Pato; Cadáver de dragón, de José Garnelo, e Monstera, de Diego R. Aballe. Unha vez máis, a asociación cultural Couto Mixto colabora co festival para visibilizar o talento galego no corazón de Europa.

Alfonso Pato, creador e director do Festival de Cans, reivindícao coma un pioneiro galego na organización de circuítos por Europa. «Buscamos visibilizar a cineastas que, máis aló dos festivais galegos, aínda non teñen moita exposición. É unha sorte de premio máis aló dos físicos», comenta Pato dende o Drug Café, unha icónica cafetería bruxelense fronte o Cinéma Aventure que acolleu a proxección.

Moitas cousas mudaron dende a primeira edición do festival hai xa 21 anos; para Cans, todas a mellor. O director destaca o salto cualitativo que deu o cinema galego neste tempo, que hai non tanto vía imposible ter autores premiados en Cannes e optando ao Oscar coma Óliver Laxe, ou gañadores da Cuncha de ouro en Donosti coma Jaione Camborda, vasca afincada en Santiago; ámbolos dous tiveron na aldea do Porriño un espazo de crecemento.

Tamén medrou no certame Alberto Vázquez, múltiple gañador dos premios Goya na categoría de animación. «Da moita satisfacción ver medrar a xente que pasou por aquí, sentes que es parte do seu proceso de construción como cineasta. Cans axuda a construír cineastas de renome», afirma con ledicia Pato. Este espírito de canteira viuse potenciado este ano ao ser un dos festivais puntuables para os Goya nas categorías de curtametraxes; ademais, colabora cos certames de San Sadurniño e Trebada.

Cans tamén ten contado con estrelas do cinema galego coma Luis Zahera ou Luis Tosar. Xente que construíu o que é agora o festival e que incluso creou vencellos emocionais coa veciñanza, unha das cousas que o fai tan especial. Pato lembra con cariño como hai dous anos Javier Gutiérrez «presentou con nós a súa película Honeymoon. Estaba a facer teatro en Madrid e non viu expresamente para a proxección, tamén fixo un coloquio e visitou a varios veciños».

Outra das claves para o crecemento do festival é manter os pés na terra. «Intentamos ter un vencello coa aldea todo o ano; foi a xente a que nos axudou a medrar», di Pato. Colaboran coas asociacións de veciños, a comisión de festas ou a mocidade do rural que cooperou con eles. Ademais, a finais de outubro haberá un ciclo por varias vilas do Porriño. Nos seus plans futuros está ter un espazo físico na aldea onde promover a cultura no rural, un xeito de devolver a Cans todo o que lles deu.