
Máis de 77.000 estudantes aprenden como actuar despois dos incendios
06 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.«A boa vontade, ás veces, pode dar como resultado malas accións para o medio ambiente». Esta reflexión do comité científico de Voz Natura levou ao programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre a pór en marcha unha campaña de recuperación responsable dos terreos afectados polos incendios deste verán. O obxectivo é guiar aos 385 colexios, institutos e asociacións —con máis de 77.000 alumnos e preto de 4.000 docentes— para que as súas accións, coordinadas coas autoridades, contribúan a restaurar os chans e protexer a fauna, para a futura recuperación destes ecosistemas.
Alejandro Díaz, portavoz do comité de Voz Natura, leva dúas semanas visitando os centros de Ourense. «Estou a atoparme unha estampa desoladora nalgunhas zonas; incluso historias persoais moi duras, pero hai ganas de pasar á acción. Agora debemos asegurarnos de que se faga correctamente», indica.
Plan de acción
A campaña posta en marcha por Voz Natura comezou cun plan de acción trasladado a todos os participantes. O primeiro paso desta folla de ruta pasa por informarse e formarse. Para iso, o programa lanza unha nova edición do ciclo de charlas de protección da natureza, impartidas por axentes da Garda Civil e a Policía Nacional e expertos en incendios forestais. Tamén ofrece á comunidade educativa unha serie de recursos na súa páxina web (www.voznatura.es) e no seu espazo de innovación (www.voznatura.com/innovacion-educativa).
Co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex, Voz Natura anima aos centros para pasar á acción. Plantar e reforestar quedará para máis adiante, pero agora os escolares poden probar técnicas como o mulching, que consiste en crear unha cuberta protectora do chan para evitar a erosión empregando materiais como a palla. Tamén, poden instalar comedeiro e bebedoiros para a fauna destas zonas. Os primeiros en porse ao choio foron os escolares do CEIP de Medeiros (Monterrei) e do Vicente Risco (Cualedro), que, ademais, xa están a planificar unha segunda xornada de actividades.
Outra das recomendacións consiste en crear viveiros de árbores autóctonas da súa zona no colexio para, máis adiante, dispor de plantas coas que iniciar as reforestacións.