
Este luns agarda unha pequena tregua nas choivas que vai durar pouco, intensificándose pola noite de cara ao martes. Segundo as previsións, o tempo seco non volvería ata o domingo
19 oct 2025 . Actualizado á 19:07 h.Tras xornadas inusuais de sol e calor para tratarse de outubro, esta fin de semana regresaron as precipitacións a Galicia de xeito bastante intenso, sobre todo desde o sábado pola noite. Rexistráronse choivas persistentes e localmente fortes no leste e sueste da Coruña e na provincia de Pontevedra, todo iso a causa dunha fronte que se moveu nas últimas horas cara o sur e que provocou que a choiva se retirase co avance desta tarde, quedando choivas intermitentes cada vez menos intensas.
A fronte activa causante desta inestabilidade chegou desde as illas británicas, segundo o experto de Meteogalicia, Carlos Otero, e colle así a testemuña do anticiclón estacional instalado esta última semana. Este fenómeno que atravesará Galicia nos próximos días, este domingo tamén deixou ventos fortes en comarcas como a Costa da Morte, o litoral noroeste da Coruña e especialmente na Mariña lucense, con refachos de máis de 100 quilómetros por hora.

Ata as 15.00 horas estivo vixente o aviso por acumulación de choiva no leste e suroeste da Coruña e no interior de Pontevedra. De feito, nesta provincia das Rías Baixas houbo zonas que se superaron os 40 litros por metro cadrado, o que activou o aviso amarelo por 40 litros en 12 horas.
Esta fronte captará bastante humidade para as próximas xornadas, aínda que as temperaturas non serán moi frías. En xeral, segundo as previsións manteranse as máxima ao redor dos 20 graos con vento do suroeste. Este luns 20 de outubro agarda unha tregua a causa da retirada da fronte, segundo detallan desde Meteogalicia, e haberá precipitacións intermitentes e pouco activas durante as primeiras horas da tarde ata que pola noite chegue unha nova fronte con ventos do suroeste asociados, o que provocará precipitacións persistentes a noite do luns ao martes.
O peor día será o xoves, aínda que empezará a complicarse a situación atmosférica xa desde o mércores, con moita humidade e unha fronte atravesando lentamente Galicia. As precipitacións serán especialmente intensas na xornada do xoves, que con toda probabilidade sería o día máis chuvioso da semana.
Altas presións a próxima fin de semana
Segundo Meteogalicia, os modelos apuntan que ata o domingo que vén non entrarían as altas presións na comunidade, e nesa xornada podería ter lugar unha posible cuña anticiclónica á que sucedería as seguintes xornadas tempo seco acompañado de baixada de temperaturas.
O meteorólogo detallou á súa vez que a partir desta semana en xeral as temperaturas serán máis suaves e propias da época, deixando atrás valores elevados rexistrados nas últimas semanas con máxima de case 30 graos en Ourense e por amais dos 25 en xeral.