María Pousa, dermatóloga: «Se antes da regra notas un vulto vermello que doe en axilas, ínguas ou glúteos, ve o médico»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

SOCIEDADE

Santi M. Amil

A hidradenitis supurativa é unha enfermidade que afecta fundamentalmente a mulleres fumadoras en idade fértil

20 dic 2023 . Actualizado á 18:49 h.

Os estudos estiman que entre o 1 e o 4% da poboación sofre hidradenitis supurativa, unha enfermidade crónica que pode cursar de xeito leve ou agravarse. De feito, un terzo dos afectados acaban evolucionando cara a unha enfermidade grave. E a pesar diso, os dermatólogos alertan de que está infradiagnosticada. Nalgúns casos porque o paciente acode a Atención Primaria ou a Urxencias e o tratamento antibiótico funciónalle, pero aínda así moitas veces non teñen o diagnóstico concreto e non chegan á consulta do especialista; e outras porque nin sequera acoden ao médico. E iso ocorre a pesar de que nas súas formas máis severas acaba sendo unha enfermidade dolorosa que pode chegar a ser incapacitante e que está rodeada dun grande estigma social, explica María Pousa, encargada da consulta especializada na enfermidade (xunto ao doutor Fernando Cabo) na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

A hidradenitis supurativa prodúcese cando se ocluye a saída do pelo —polo que afecta fundamentalmente a axilas e ínguas, aínda que tamén pode darse en glúteos e mamas—, que se dilata e rompe, provocando unha lesión inflamatoria en forma de nódulo ou absceso. No 75% dos casos trátase de lesións illadas que se resolven con tratamento (unha crema antibiótica ou un antibiótico oral); pero tamén hai pacientes graves que acaban tendo cicatrices que se sobreinfectan, polo que supuran pus e dan cheiro. E aí radica a estigmatización asociada á enfermidade. Porque ao gasto que supón ter que levar gasas ou comprimidas para reter o líquido que supura está o forte cheiro que emanan as feridas, o que provoca un grande impacto para as relacións sexuais dos pacientes ao estar estas na zona íntima.

A orixe da enfermidade é multifactorial, explica Pousa. Destaca o seu marcado carácter hereditario, xa que o 40% dos pacientes teñen antecedentes familiares, aínda que tamén inflúen factores externos como pode ser o uso de roupa axustada, o consumo dalgúns fármacos e, sobre todo, o tabaco. Nalgúns estudos asóciase á obesidade, pero a dermatóloga asegura que tamén hai pacientes delgadas. E fala en feminino porque é unha enfermidade que afecta sobre todo as mulleres. Debuta coa chegada da regra e mellora cando esta desaparece. Tamén no caso dos homes o paso dos anos axuda a atenuar os brotes.

Ao tratarse dunha enfermidade que afecta ao folículo piloso, desde o servizo de Dermatoloxía recomendan a depilación láser. «Ao eliminalo, quitamos a fonte de inflamación», sinala a dermatóloga. É só un consello, porque non está sufragada polo Sergas. O tratamento mais común é a través de pastillas ou inxeccións, co obxectivo de reducir a inflamación. Nos casos máis graves, ata o de agora recorríase unicamente á cirurxía. Pero son operacións cun posoperatorio complicado que ademais deixa cicatrices, explica Pousa. En Ourense empezaron a utilizar unha técnica nova —que xa se empregaba noutras patoloxías— que consiste na utilización de fenol diluído ao 88% en auga destilada. «É un cambio radical porque as fístulas péchanse sen cirurxía», destaca Pousa.

A aplicación nova da técnica foi premiada no primeiro congreso sobre hidrodenitis supurativa, celebrado en Madrid o mes pasado. Pousa recolleu o recoñecemento ao mellor póster por un traballo asinado xunto a José Álvarez, Laura Dorribo, Fernando Cabo, Cristina Vázquez, Ignacio Suárez e Pilar Gómez.

Trinta e cinco pacientes

No que vai de ano, pola consulta de hidradenitis de Ourense pasaron un total de 35 pacientes. Van con moita frecuencia, porque no caso dos que sofren a enfermidade máis grave teñen que acudir unha ou dúas veces por semana para facerse curas tópicas. Pousa destaca o traballo do equipo de enfermería. Cando conseguen curarse dos brotes graves, distáncianse as consultas no tempo.

A dermatóloga fai un chamamento aos posibles afectados. Aos que aínda están sen diagnosticar e aos que xa saben que sofren a patoloxía. Aos primeiros, porque o obxectivo é evitar que os brotes vaian a máis. Por iso dá unhas claves sobre cando hai que consultar: «Se antes da regra notas unha vulto vermello nunha zona de pelo como son ínguas ou axilas ou glúteos, e ademais doe, vete ao médico», recomenda. E aos pacientes crónicos que non van a Dermatoloxía aconséllalles facelo, porque están a saír novos fármacos e cirurxías que axudan a que a enfermidade «impacte menos na súa calidade de vida».