A Deputación coruñesa destina 770.850 euros ao impulso de negocios rurais na área de Santiago

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

O municipio de Touro, con dez axudas, está entre os primeiros da provincia en canto a número de beneficiarios

26 ago 2025 . Actualizado á 05:05 h.

A Deputación coruñesa impulsa a modernización de pequenos negocios de municipios rurais nunha nova convocatoria das axudas PEL-Emprende Investimento 2025 que deixarán na área metropolitana de Santiago 770.850 euros. A iniciativa diríxese a empresas situadas en municipios de menos de 10.000 habitantes e pretende modernizar e consolidar o tecido económico local mediante a adquisición de maquinaria, ferramentas informáticas, mobiliario e equipamentos que melloren os procesos de xestión e información.

A contía das axudas oscila entre os 2.450 e os 17.500 euros por beneficiario, e poden chegar a cubrir ata o 70% do investimento. Todos os elementos subvencionables deben ser novos e estar directamente vinculados á actividade empresarial. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que as axudas PEL «son unha ferramenta clave para promover a innovación e competitividade das pequenas empresas dos municipios do rural. Esta liña, en concreto, permite ás persoas autónomas e pequenas empresas afrontar investimentos fundamentais para modernizar os seus negocios e mellorar a súa competitividade».

No conxunto da provincia o 95% das axudas foron concedidas a profesionais autónomos, e un 82% corresponden a sectores estratéxicos, emerxentes ou de alto potencial para Galicia. Destacan especialmente as 124 axudas dos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal e de pesca, máis dun terzo das 302 concedidas por importe conxunto de 2.758.778 euros na provincia.

Na zona, Touro recibe 10 axudas por importe de 95.297 euros; 7 en Vedra (37.617 euros) e outras tantas en Val do Dubra (56.566) e Tordoia (93.886); 6 en Trazo (70.443); 5 a Boimorto (67.200); 4 a Arzúa (32.296 euros), Frades (58.574), Padrón (22.524), O Pino (56.000), Santa Comba (39.829), Santiso (46.280), e Toques (25.760); con tres están Melide (15.539) e Rois (29.113 euros); foron dous en Oroso (7.323); e quedaron nunha Boqueixón (7.828) e Dodro (8.771 euros).