Aitor Etxeguren, que chega do Amics Castelló, quinto reforzo para o Obradoiro

SANTIAGO

Diego Epifanio, Epi, sinala que é «un xogador con proxección, que destaca polo seu esforzo defensivo e o seu rendemento no rebote»
13 jul 2025 . Actualizado á 19:05 h.O Obradoiro non descansa. No club compostelán viviuse unha fin de semana intensa, coa confirmación de dous xogadores máis para o cadro de persoal de Diego Epifanio. Na tarde do sábado, desde Sar anunciaron a chegada do pivote serbio Goran Huskic, que o pasado curso militou na liga Endesa co Básquet Coruña. Na sobremesa do domingo, unha novidade máis para seguir motivando á afección obradoirista, que xa supera os tres mil cincocentos abonos. O equipo de Epi asinou o seu quinto reforzo estival coa chegada á caldeira do á-pivote Aitor Etxeguren.
O xogador vasco ten 22 anos e mide 2,06 metros. «Destaca principalmente polo seu físico e trátase dun xogador moi defensivo, con grandes dotes para o tapón e unha excelente lectura do xogo en situacións de pick&roll», sinalan desde Sar. Etxeguren formouse nas categorías inferiores do Askartza Claret e Loiola Indautxu
Na tempada 2018-2019 fichouno o Zaragoza, aínda que xogou no equipo filial. Con só 16 anos, debutou co primeiro equipo na liga de Campións. Na campaña 2019-2020 estreouse na liga ACB. Participou en cinco partidos. O seu bautizo na liga das estrelas foi na sétima xornada do campionato, nun Burgos-Zaragoza (69-78) de novembro do 2019. Disputou case tres minutos. Coa camiseta do quinteto aragonés tamén se enfrontou aquel curso a Joventut de Badalona, Valencia Basket, Andorra e Real Madrid, sumando un total de trece minutos nas súas cinco intervencións.
Na campaña 2020-2021 foi cedido ao Cáceres. Máis tarde xogou no Huesca, conxuntos ambos da antiga LEB Oro. Posteriormente seguiu o seu desenvolvemento deportivo en diferentes equipos do Primeira FEB, cos que foi gañando experiencia. A pasada tempada militou no Amics Castelló, onde asinou unhas medias de 4 puntos, 2,9 rebotes e 0,7 asistencias por partido. No seu palmarés destaca o título de mellor xogador nacional do Campionato de España de seleccións autonómicas, así como un quinto posto no Mundial sub 19 e o campionato de Europa sub 20 coa selección española.
Diego Epifanio, Epi, adestrador do Obra, lembra que Aitor Etxeguren é «un xogador con proxección, que xa competiu en varios equipos da liga a pesar da súa mocidade. Destaca polo seu esforzo defensivo, a súa capacidade para bloquear e o seu rendemento no rebote. É un xogador que malgasta enerxía. No club confiamos moito no seu desenvolvemento e agardamos que se adapte rápido ao seu rol e que poida seguir crecendo connosco».
Contra o Obradoiro
Na pasada campaña, Etxeguren enfrontouse dúas veces ao Obra. No partido de Sar, o marcador reflectiu unha contundente vitoria do colectivo santiagués (100-72). Etxeguren participou en 13 minutos e anotou dous puntos, ademais de capturar catro rebotes e dar unha asistencia, para unha valoración dun crédito. O máximo anotador do seu equipo naquel encontro foi Jalen Tate, que converteu 24 puntos.
Na primeira volta, galegos e levantinos mediron as súas forzas na décimo terceira xornada, a finais de decembro, cun marcador sorpresa a favor do Castelló: 73-68. Etxeguren disputou 14 minutos e anotou catro puntos, con dúas canastras de tres intentos. Ademais, achegou tres rebotes e rexistrou ao final unha valoración de sete créditos.
Declaracións
A nova fichaxe do conxunto compostelán, Aitor Etxeguren, recoñece que está «moi contento» por fichar esta tempada polo Obradoiro. «Xa teño moitas ganas de empezar e poder gozar co equipo», subliña.
Tamén o base francés Leo Westermann dirixiuse aos seus novos afeccionados en redes sociais: «É un pracer volver a Santiago e ao Obradoiro. A miña familia e eu queremos esta cidade e a Galicia. Son unha persoa feliz e estou moi contento por volver ver de novo á afección de Sar. Temos grandes obxectivos e todos xuntos imos conseguir».