
O pivote serbio, de 2,10 metros de altura, a cuarta fichaxe do conxunto de Sar, xogou a pasada tempada na ACB co Básquet Coruña
12 jul 2025 . Actualizado á 22:31 h.Goran Huskic cambia Santiago pola Coruña. O pivote serbio, de 2,10 metros de altura, xogará o próximo curso en Sar. Chega procedente do Básquet Coruña, onde xogou a pasada tempada na ACB. Co equipo herculino logrou o ascenso un ano antes á máxima categoría ao proclamarse campión da liga regular na Primeira FEB. En Sar volverá coincidir co técnico Diego Epifanio e con Olle Lundqvist, cos que compartiu vestiario o curso anterior.
Huskic converteuse na cuarta fichaxe do novo proxecto obradoirista, tras chegar con anterioridade á capital galega o aleiro portugués Diogo Brito, o base francés Leo Westermann e o escolta sueco Olle Lundqvist, nunha semana na que tamén renovou a á-pivote estremeño Álex Galán.
Aos seus 33 anos, Huskic achegará ao colectivo da capital galega unha grande unha experiencia, tanto pola súa traxectoria no baloncesto español como pola súa participación noutras competicións internacionais. O pivote serbio iniciou a súa carreira en España coa camiseta do Guipúscoa, quinteto co que debutou na ACB. Seguidamente, xogou na LEB Oro co Huesca. Chegou logo ao Burgos, co que ascendeu á máxima categoría. Neste equipo estivo un total de cinco anos, defendendo neste tempo as cores do Bilbao Básquet (tempada 2020-2021). Tras dar o salto ao baloncesto europeo (Alemaña e Lituania), regresou a España no 2023 da man do Básquet Coruña. O curso pasado na ACB, Huskic asinou unhas medias de 7,3 puntos, 5,1 rebotes e 2,8 asistencias por encontro. Cos coruñeses na LEB Oro, os seus rexistros foron aínda máis relevantes: 11,1 puntos, 5,8 rebotes e 3,7 asistencias por data.
Para Diego Epifanio, con quen coincidiu na Coruña e Burgos, Huskic «achegará moita experiencia porque é coñecedor da categoría, destacando pola súa capacidade de xerar puntos tanto en continuacións como desde o poste baixo e poste alto. Ten unha gran visión de xogo, acompañada dunha boa capacidade de pase. Ofreceranos a posibilidade de xogar con outros rexistros ofensivamente que non sexa só o uso do bloqueo directo. Ademais, ten capacidade de sumar no rebote nos dous aros».