A Deputación sitúa a gastronomía como o principal destino turístico da provincia
SANTIAGO
![](https://img.lavdg.com/sc/r6RyGQ57vMdbfly2YSI5fUymih0=/480x/2025/02/04/00121738670521984759530/Foto/HF5C5F1_13114.jpg)
«O reto é poñer en valor a nosa calidade, mantendo a autenticidade dos nosos lugares e a materia prima», di o vicepresidente Xosé Regueira
05 feb 2025 . Actualizado á 05:00 h.A provincia da Coruña entra pola vista, polo tacto, polo seus sons. E polo gusto grazas a unha gastronomía poliédrica que triunfa fora das súas fronteiras por culpa dos seus produtos e as mans que os traballan, cociñeiros e chefs de renome que axudan a que os sibaritas da comida e os excelentes viños poñan unha chincheta no noroeste español como visita obrigada.
A Deputación da Coruña, da man do seu vicepresidente, Xosé Regueira, é un paraugas de todos eses recursos gastronómicos, humanos e paisaxísticos. Así, a campaña «A provincia que sabe» é o fío condutor de todo un sector agroalimentario e turístico que sitúa á provincia no mapa turístico internacional, baixo o amparo institucional desta Administración, que pon en marcha iniciativas propias, e tamén participa no apoio a outras moitas para promover esta marca que é sinónimo de excelencia.
Así, a entidade provincial promove o bó facer dos produtores locais que traballan as materias primas con respecto e entrega, e tamén o dos cociñeiros da provincia que combinan innovación e respecto polo medio ambiente para ofrecer pratos de primeiro nivel. Procedentes dos oito xeodestinos da provincia (Ferrolterra, As Mariñas, Muros-Noia, Costa da Morte, Terras de Santiago, Terras da Comarca de Ordes, Ulla?Tambre?Mandeo e Barbanza), todos eles acompañan á Deputación levando os seus produtos e as súas receitas a diferentes feiras de todo o territorio estatal.
Ou sector agroalimentario
«Somos moi conscientes de que turismo e gastronomía van da man, baixo o mesmo paradigma de sustentabilidade económica, social e medioambiental. O reto é poñer en valor a nosa excelente calidade, mantendo a autenticidade dos nosos destinos e da nosa materia prima», sinala o vicepresidente provincial e responsable da área de Turismo na Deputación. «A nova campaña representa unha evolución da xa recoñecida “A provincia que sabe”. Seguimos traballando na mesma liña, apostando polo sector agroalimentario como a nosa mellor marca turística e, por suposto, promovendo o noso territorio e as nosas paisaxes dende o máximo respecto e orgullo», indica Regueira.
Proba da evolución do sector son as certificacións de calidade que están emerxendo na provincia, por exemplo, a través das estrelas Michelin, como Terra Fisterra, As Garzas Malpica, Retiro da Costiña, Árbore da Veira, O’Pazo, Simpar, O Secadeiro, Casa Marcelo, A Tafona e O Balado.
Quilómetro cero
Por outra banda, a Deputación presume da produción de quilómetro cero, con empresas que abastecen aos mellores restaurantes do Estado. É o caso de La Despensa d’Lujo, que subministra ás prestixiosas cociñas de El Celler de Can Roca ou Diverxo. A lista é moi ampla: o Queixo Galmesán, Costumes Empanadas de Galicia, Choiva Viños, Vermús Lodeiros, Maruxas de Nata, A Conserveira, Cafés Aruba, San Isidro Bakery, Algas Mar de Ardora, Cafés Lúa ou Bonilla a la Vista, coas súas emblemáticas patacas fritas, son algunhas das moitas marcas que acompañan á Deputación na promoción da provincia polas diferente feiras.
Máis de sete millóns de euros para preservar o amplo patrimonio da Coruña
A área de patrimonio da Deputación da Coruña leva a cabo diferentes proxectos para contribuír á posta en valor do patrimonio do territorio. Aí atopamos Compostela Rupestre, o parque megalítico da Costa da Morte, a musealización do Mosteiro de Caaveiro, o xeoparque do cabo Ortegal, ao que se suma o proxecto Life Water Way (a creación dun novo concepto de fontes públicas e a demostración da súa viabilidade no Camiño Inglés). A Deputación conta cun orzamento de 7,6 millóns de euros para darlle pulo e protexer o seu patrimonio material e inmaterial, incluíndo as iniciativas de turismo.
Proximamente se vai sacar unha liña de subvencións para actuacións no patrimonio de especial protección na provincia. Outro dos proxectos na axenda do 2025 é a licitación da nova musealización do dolmen de Dombate, así como unha programación propia sobre o patrimonio da provincia «con xornadas científicas e espazos sonoros».
Xosé Penas é o deputado responsable do departamento de Patrimonio. «Para esta institución é prioritaria a preservación do noso patrimonio, que é identidade, cultura e historia», sinala. «Facémolo a través de proxectos en diferentes puntos do país, para valorizar o patrimonio deses territorios; a través das propias actuacións para a súa mellora constante; a través tamén da publicación de contidos propios (como a guía de patrimonio, o cómic sobre a historia do mosteiro de Caaveiro...) e da organización de xornadas científicas e o ciclo de concertos Espazos Sonoros en diferentes lugares patrimoniais da provincia, e tamén a través da colaboración en proxectos comarcais para poder ter unha política clara en materia de preservación e posta en valor do patrimonio do país».
Ademais dos citados, no catálogo de bens de Deputación figuran o pazo de Mariñán, as torres de Altamira, as torres do Allo, o dolmen de Cabaleiros, o castelo de Vimianzo, os batáns do Mosquetín ou o Teatro Colón da Coruña, entre outros.
Máis de 20 restaurantes contan co Sol de Repsol, algúns por duplicado
Actualmente son 22 os restaurantes da provincia que contan co distinguido Sol de Repsol (7 deles contan con 2), dos cales, 5 foron outorgados no 2024. É o caso do restaurante Balarés (Ponteceso), Terreo Cociña Casual (A Coruña), Ecletic (A Coruña), O Fragón (Fisterra) e Simpar (Santiago). Ademais, A Tafona de Lucía Freitas (Santiago) foi recoñecida co Sol Sostenible grazas ao seu proxecto Amas da Terra. Estas cinco novidades súmanse aos outros 17 restaurantes con soles, algúns deles con dous recoñecementos como son A Tafona (Santiago), Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica de Bergantiños), Bido (A Coruña), O Camiño do Inglés (Ferrol), O’Pazo (Padrón) e Retiro da Costiña (Santa Comba).