A canción do pobo retoma o temón da lingua na festa das Letras en Malpica

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Real Academia Galega

O eco deste 17 de maio esboura en centos de vilas, aldeas e lugares de Galicia para honrar as mulleres, cantareiras e pandeireteiras, gardiás dos saberes da tradición

17 may 2025 . Actualizado á 12:10 h.

A oralidade é a cerna do idioma. Sobra dicilo. O motor creativo, a memoria, a transmisión. E máis no caso de Galicia, un país onde o prestixio da lingua propia foi atacado e rebaixado durante séculos para convertela nunha ferramenta de comuñón para os pobres, para a clase traballadora, condenada a espazos como o medio rural agrícola ou o das xentes que vivían da pesca e o marisqueo. Espazos, por certo, onde a lingua floreceu e se fixo forte na súa enfermidade. Malia non todo o que cómpre.

As responsables maiores dese esplendor cativo e silenciado foron as mulleres, verdadeiras gardiás dos saberes da tradición, que empregaron nunha das manifestacións máis acaídas e fermosas deste tesouro, nunha forma de expresión poética e musical que fixo posible a preservación do valioso legado. Si, foi mediante a arte afouta das cantareiras e as pandeireteiras que viaxou agarimado entre xeración e xeración. Iso que era unha plasmación emocional no ámbito do íntimo, do familiar, do veciñal —un lugar de liberdade e sororidade para as mulleres, que non tiñan outro— acabou por erixirse en piar fundamental na construción da identidade galega e no sentir colectivo da sociedade.

Esta riqueza oral —a cuxa conservación contribuíron ducias de pioneiros recolledores como a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e o seu colega Antón Santamarina— é o que se festexa este sábado da man da Real Academia Galega, que decidiu personificar este 17 de maio en Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda (as Pandeireteiras de Mens, Malpica). A canción do pobo retoma nesta xornada o temón da lingua, e farao no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños (rúa O Ventorrillo s/n), que acolle a partir das 12.30 horas a sesión extraordinaria e pública da RAG co gallo do Día das Letras Galegas 2025.

Por suposto, o eco desta homenaxe esboura en centos de vilas, aldeas e lugares de Galicia para honrar as mulleres, cantareiras e pandeireteiras, de todo o país. Porque nunca un 17 de maio tivo tanta presenza en cociñas, adegas, eiras, carballeiras e prazas, onde debe continuar a súa navegación polos séculos, como garante de futuro. Téñeno claro os mozos, que están a protagonizar un novo momento cimeiro da poesía oral na cultura galega, adaptando ás novas formas e estilos musicais a sabedoría que engrandeceron as súas nais e avoas. Amosarano este sábado en Malpica as Tanxugueiras, cuxa actuación coroará o encontro solemne, primeiro do recentemente elixido presidente da RAG, Henrique Monteagudo.

Ademais de Monteagudo, a cita contará coas alocucións académicas de Ana Boullón, promotora da candidatura da poesía oral; Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego de Schubarth; e Xesús Alonso Montero.

Rosa e Adolfina

Os nomes de Rosa e Adolfina xa teñen «letras de ouro» en Cerceda, segundo informa Patricia Blanco. «Todo comeza por unha cousa pequena», mesmo por unhas cantigas, e, con elas, ambas foron quen de «traer a primeira celebración da historia das Letras a este municipio», en palabras do alcalde, Juan Manuel Rodríguez.

Pronunciounas este venres ás portas da que foi a casa destas dúas mulleres da Vila da Igrexa, dúas das homenaxeadas e ás que o Concello fixo merecedoras de sendas placas nas que lles agradece ese «fito» e a súa «extraordinaria contribución en favor da identidade e a cultura galegas». «Felices, emocionados e agradecidos», recoñeceu Carlos García Casás en nome da familia. «E elas, que están dentro de nós, estaríano tamén», dixo. Foi el quen en 1980 levou a Schubarth á casa de Adolfina: «Foron felices de cantarlle, sentiron que o que tiñan dentro era de valor».