A «Istoria» das cantareiras de Ribadavia

RIBADAVIA

As cantareiras da Istoria de Ribadavia
As cantareiras dá Istoria de Ribadavia Santi M. Amil

Forman parte da celebración da festa medieval e estarán moi presentes no Día das Letras Galegas

16 may 2025 . Actualizado á 21:55 h.

Hai tempo que as cantareiras e as pandeireteiras forman parte da celebración da Festa da Istoria de Ribadavia, na que se exalta o pasado xudeu do pobo. Seguramente serán as máis singulares de Galicia pola súa vestimenta medieval, inda que nalgúns dicionarios apareza a palabra cantareira como a muller que cantaba as composicións dos trobadores da Idade Media. O certo é que nestes días ensaian para estar presentes nos actos do Día das Letras Galegas.

O grupo está formado por 25 mulleres e ó fronte delas está Ainhoa Viñuela. «Somos un grupo un pouco informal e moi atípico. Buscamos un achegamento á musica e á nosa tradición pero non intentamos ser virtuosas do instrumento ou da voz. É un espazo de encontro e de seguridade, de compartir. Porque ó final é un xeito de vivir a tradición colectiva», di Viñuela. Trátase dun grupo moi diverso, en tódolos sentidos, de mulleres da comarca de O Ribeiro. A idade media está máis preto dos sesenta que dos trinta e comezaron sendo compañeiras e agora son amigas.

«Algunhas xa sabían tocar porque ían a aulas nas súas aldeas. Hai un pouco de todo e sempre tentamos equilibrar inda que non é doado, pero o que prima é o benestar e as ganas. Moitas delas din que o mellor día da semana é o mércores, porque é cando ensaiamos. Se cadra algunha festa ou un aniversario celebrámolo. Iso é o importante» explica. Inda que o grupo foi creado pola Coordinadora da Istoria e é nesta festa onde están presentes, nalgunha ocasión as cantareiras e pandeireteiras participan noutras actividades: «En Ribadavia hai un tecido asociativo moi valioso e colaboramos con quen nos chame, tamén co Concello».

Ainhoa afirma que inda que hai un auxe deste tipo de grupos, o que se perdeu foi a espontaneidade. O feito de cantar e tocar nas festas e nas tabernas de forma comunitaria. «Antes non necesitabas dun escenario ou dun espazo concreto para cantar ou tocar, facíase nas boas sobremesas. Era algo moi apegado e agora iso xa non esta presente. É verdade que este tipo de música está máis visible na sociedade. A música tradicional galega está en moi bo momento, pero perdeuse a espontaneidade, quizais porque vivimos nun mundo globalizado», engade.