As últimas cantareiras da seitura

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

A POBRA DE TRIVES

Santi M. Amil

Blandina de Cotarós, Fiuca de Trives e Digna de Vilanova conservan unha tradición en perigo

16 may 2025 . Actualizado a las 22:00 h.

«Isto acábase. Cando nós morramos os cantos de seitura só estarán nos libros, porque á xente moza, como non o viviron, isto non lles interesa», lamenta Blandina de Cotarós, nun laio compartido con Fiuca de Trives e Digna de Vilanova. Elas son as tres mulleres que levan recuperado da man de Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense, as cancións que cantaban os xornaleiros cando elas eran unhas nenas e despois unhas mozas e os campos se enchían de vida coa sega e a malla do centeo, o trigo e a cebada. «Seméntase en setembro e recóllese polo Santiago en xullo. As mallas son polo san Lourenzo en agosto», relata Blandina González Rodríguez (A Pobra de Trives, 1950). Ela aprendeu os cantos de seitura sendo unha nena por boca da súa nai. «Daquelas era o que tiñan para divertirse», di.

Nos anos sesenta a sega era un traballo totalmente manual e daquela as plantacións eran grandes, así que viñan cuadrillas enteiras de traballadores da zona de Larouco e Quiroga cando tocaba a sega en Trives. Montaña abaixo o labor facíase dúas semanas antes porque as temperaturas son máis altas, e daquela cando remataban alí subían cara ó macizo central. Era moita xente, e por non volver andando á casa quedaban durmir nos pallotes. «Cantaban no campo e despois ao rematar seguían coa festa», di Blandina de Cotarós, que debe o seu nome artístico á súa aldea natal.

Digna Pérez Fernández (1946, A Pobra de Trives) explica que a Vilanova, onde ela vivía, os seitureiros chegaban por montóns. Eran mozos e mozas que durante o traballo non deixaban de cantar. «Ás veces había unha cuadrilla traballando nun sitio e a uns centos de metros había outra e o que facían era que unha cantaba e a outra respondíalle», rememora. Despois á noite xuntábanse nos cuartos, onde durmían sobre xorgós (colchóns recheos de folla de millo) e seguían coa festa. Di que aqueles cantos parecían darlles aínda máis folgos, porque ao amencer xa están traballando arreo de novo. Conta que na súa casa a súa nai non era moi amiga de cantar, pero si o seu pai, de quen ela aprendeu moitas das cancións que sabe. «A el gustáballe moito levarme a todos os lados e así foi como fun memorizando os cantos da seitura», recorda.

No caso de María Jesús Rodríguez Tejero, a quen todo o mundo coñece como Fiuca de Trives, o seu contacto coa seitura chegoulle algo máis tarde. Ela naceu en Cortegada no 1950, e alí había pouco trigo, centeo ou cebada. Era máis terra de millo. Mudouse a Trives fai 57 anos, cando casou. «Eu aínda seguei aquí desde que cheguei», di. Xa sabía algunhas cancións tradicionais, «porque a miña nai tamén cantaba». E no macizo central foi ampliando repertorio.

Levan tempo espallando os cantos de seitura alá por onde as queren escoitar. Recordan cun sorriso nos beizos cando actuaron ante 2.500 persoas no Liceo de Barcelona. Mais non é so cantar, é tamén vestir. «Non podemos ir moi elegantes porque era un traballo no campo e non se ía vestida coma se fora unha festa», apunta Fiuca. E iso supón levar prendas cómodas, unha saia ampla, unha camisa ou un xersei, un pano de cores sobre os ombreiros e un sombreiro para taparse do sol.

«Anque veño da seitura, anque veño da segada, aínda non veño cansada / Hei de ir á túa seitura, hei de ir á túa segada, que a miña vai acabada», canta Fiuca.

Para este ano xa teñen confirmadas a participación no Filandón do Courel e no Serán da Seitura de Manzaneda. E aínda están pendentes de pechar algunha actuación para o 17 de maio.

Eles tamén cantan, como demostra Rogelio da Acebeda

Coas tres cantareiras da seitura ten compartido escenario Rogelio Corzo Blanco, coñecido no mundo da música popular como Rogelio da Acebeda, polo súa aldea natal no Bolo. Esta semana facía 70 anos e contaba que leva uns 60 cantando. «Cando eu era neno había moita seitura e os cativos picábamos aos maiores porque o que queríamos era festa», recorda entre risas. El aprendeu dos seus pais e da súa avoa. «Con 15 e 16 anos xa ataba o mollo de pan e facía a meda. E ese traballo sempre se fixo cantando», explica.

A el aínda lle gusta entoar de vez en cando, sobre todo porque é consciente, di, de que isto se perde. «Cando eu casei aínda separabamos o pan, pero xa na máquina, non era algo manual... O de cantar foise perdendo porque xa o traballo non era o mesmo. E aos que veñen detrás isto non lles interesa porque non o viviron», lamenta.

Xosé Lois Foxo.
Xosé Lois Foxo. Alberte Paz

Xosé Lois Foxo: «Son cancións con raíces medievais, veñen do século XIV»

Xosé Lois Foxo dedicou varios anos a percorrer a montaña ourensá recuperando as cancións da seitura, que despois recompilou nun libro. «Saíu a raíz de Ludivina, que foi unha cantora excepcional. No tema dos cantares da seitura foi o máximo que hai en Galicia», di. Refírese a Ludivina Pérez Ricoy, natural de Soutelo (Manzaneda), que faleceu no 2017 aos 86 anos. Ela achegoulle a Foxo moitos dos cantares que aprendera do seu pai. E tamén recolleu de Jacinta Fernández, Jacinta de Lentellais, finada este ano aos 91. Dese fío foi tirando e así coñeceu a Blandina, que o puxo sobre a pista de Fiuca e esta faloulle de Digna. Coas cancións que elas recordaban e outras que foi atopando noutros sitios, Foxo publicou un libro titulado Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives. É un volume xeneroso que teñen presentado en moitos sitios.

—O libro era para que non se perdera, non? Porque xa non hai quen cante?

—Non hai non. Esta xeración é a última... o que queda na contorna. Aquí que eu coñeza están Blandina de Cotarós, Digna de Vilanova e Fiuca de Trives. As tres cantan moi bonito, pero Blandina quizás sexa a máis antiga no tema este, porque lle vén de tradición familiar. E tamén Rogelio da Acebeda (O Bolo) canta da seitura. Porque non só cantaban as paisanas, tamén os homes.

—Os cantos da seitura son desta zona da provincia de Ourense?

—A seitura faise en toda Galicia pero os cantares son únicos nesta zona, da montaña de Ourense, desde A Gudiña ata as Terras de Trives.

—Por que só aquí?

—Quedou arraigado porque era moi corrente que fora xente de aí á seitura a Castilla e había moita vinculación. Os cantos da seitura compártense con outros similares que aparecen por exemplo en Zamora. É unha tradición coincidente coa de terras leonesas e de Zamora. Teñen un arraigo especial. O cantar máis común é Miña nai mandoume á fonte, que ten raíces medievais.

—Remóntanse tan atrás?

—No libro fago un estudio comparativo cun cántico do século XIV e ten os mesmos esquemas e incluso unha letra parecida. A música non a coñecemos porque daquela non se transmitiu, pero si... a partir do século XIV hai referencia dos segadores que cantaban e ían á seitura, emigraban dun sitio a outro durante o verán. Son cancións con raíces medievais, veñen do século XIV. E mantívose no tempo.

—Ten en marcha algún outro proxecto de recollida de tradición oral?

—Agora acabamos de darlle á imprenta o Cancioneiro sociolingüístico das Terras do Bolo, que é bastante máis amplo.