Mensaxe do bispo polo 60º aniversario de Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol: «Sesenta anos anunciando esperanza»

Fernando García Cadiñanos

A MARIÑA

PEPA LOSADA

08 oct 2025 . Actualizado á 09:43 h.

Celebramos hoxe o 60º aniversario da constitución de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol. Non foi, con todo, o inicio da vida de caridade nesta Igrexa: a nosa historia está infestada de múltiples expresións de amor cara aos máis vulnerables e excluídos. Pero hai 60 anos, a Igrexa mindoniense estruturouse para dar unha forma moderna e organizada á caridade, facendo realidade o mandato permanente de Jesús: “Dádelles vós para comer”. A historia de la Iglesia é sempre unha historia de caridade. En ocasións, cando miramos cara atrás, fixámonos nos homes e mulleres que serviron á comunidade desde diferentes misións, moitas delas con cargos de responsabilidade. A súa pegada quedou para sempre en obras de arte, en edificios, en estruturas, en proxectos, en consecuencias concretas para o territorio. Pero, sen dúbida, a pegada máis importante, porque mostra o Deus no que cremos, é a pegada que produce o amor. Cáritas responde a esta historia de amor, que vive da fe e xera esperanza. E é que Cáritas existe non porque haxa pobres, senón porque hai unha comunidade que quere reflectir o amor de Dios e ser motor de acollida, de integración, de promoción, de desenvolvemento humano e social. Onde hai unha comunidade de crentes que se toma en serio o Evanxeo de Jesús ten que existir un grupo de Cáritas que queira facer realidade as entrañas de misericordia do Pai. Un grupo capaz de acoller, de acompañar, de promover a cada persoa que se achega en busca dunha solución para unha ferida que lle doe. Pero tamén un grupo capaz de espertar e educar á comunidade, de sensibilizala ante problemas, de promover unha sociedade máis xusta e fraterna, de reivindicar dereitos e humanidade. En 60 anos son moitos os xestos de esperanza que se ofreceron, desde as nosas comunidades cristiás, ao longo e ancho de todo o territorio diocesano. É fermoso que este aniversario coincida co Ano Xubilar, ano da esperanza. Un ano xubilar no que se nos invita a volver a Aquel que nos dá esperanza no medio da escuridade da historia. Un ano no que se nos provoca a ser comunidades e fogares de esperanza ante tanta desolación e dificultade que existe no noso mundo. A iso precisamente contribúe a nosa Cáritas: a anunciar que existe a esperanza, a presentar a Aquel que nos acompaña na nosa dor, a ofrecer as mans da comunidade para acoller e arroupar a nosa fraxilidade. Porque Cáritas é a Igrexa e a súa misión, non o esquezamos, é a evangelización: levar a boa noticia aos pobres e excluídos, ofrecéndolles a salvación. Ao longo de 60 anos moitas cousas cambiaron. A caridade que ofrece Cáritas presupón e susténtase na xustiza, pero sempre a supera: implica a asistencia, pero tamén a promoción e o compromiso por unha sociedade máis xusta. Xa non se trata só de socorrer as necesidades materiais dunha pobreza evidente, senón de ofrecer camiños de integración a homes e mulleres concretos que viven a súa existencia no medio da exclusión ou a vulnerabilidade. Por iso, nestes 60 anos, a nosa Cáritas creceu e mudou o seu rostro, aínda permanecendo fiel á súa esencia, co obxectivo de axudar sempre desde a dignidade inalienable da persoa ofrecendo aquilo que é fundamental: traballo, vivenda, dignidade, plena cidadanía… Non me queda senón agradecer de corazón a todas as persoas que fixeron posible esta fermosa historia de amor, de fe e de esperanza. Desde os sacerdotes que nas súas parroquias promoveron os diferentes grupos de acollida, a tantos voluntarios que se identificaron con este fermoso proxecto. Grazas polo voso tempo e a vosa sensibilidade. Cheirades a Evanxeo! Grazas tamén a tantos axentes contratados que destes a vosa profesionalidade e que crecestes entre nós. Grazas aos socios, doantes e colaboradores que confiades na nosa tarefa e no noso proxecto de sociedade. Seguir xuntos anunciando a esperanza moitos anos máis. Felicidades! O voso irmán e amigo,

Fernando García Cadiñanos

Bispo de Mondoñedo-Ferrol