O 1x1 do Deportivo-As Palmas

Así valoramos aos deportivistas na vitoria que botou o peche á tempada


O Deportivo pechou unha tempada decepcionante pero coa salvación amarrada, e fíxoo cunha clara vitoria sobre As Palmas (3-0). Dous goles de Florin Andone e outro de Carles Gil deron o triunfo aos coruñeses ante un rival apático e sen pulso competitivo. A bancada de Riazor púidose permitir ao fin unha pequena alegría que, aínda que non maquilla o visto durante toda a liga, si permite acabar cun sorriso. Así valoramos a actuación dos xogadores branquiazuis no triunfo que botou o peche á tempada.

1 DAVY ROEF: 8

Na súa estrea e despedida co Dépor, o porteiro belga protagonizou boas paradas e evitou que o As Palmas no segundo tempo maquillase o marcador.

 

2 FLORIN ANDONE: 8

Dous goles retratan o bo momento en que acabou o romanés. Autor de doce tantos, sostivo ao Dépor nas xornadas finais e ante As Palmas, tamén.

 

3 CARLES GIL: 8

Na primeira parte deixou algunhas das esencias do seu mellor xogo e marcou o gol da tranquilidade. Logo, sacrificouse en defensa.

 

4 ÁLEX BERGANTIÑOS: 6

Recibiu a ovación da tarde cando entrou e a bancada volveu cantar o seu nome. Tratou de apontoar o centro do campo ao final do choque.

5 MARLOS MORENO: 6

No que puido ser o seu último partido como deportivista, o colombiano deixou varios escintileos do seu talento. Quizá mereza outra oportunidade.

6 ONDA JOHN: 6

As súas carreiras, caneos eléctricos e algún que outro esvarón forman parte dun futbolista sen termos medios: ou quérelo, ou ódialo.

7 GUILHERME: 6

Sostivo ao Dépor durante o primeiro tempo, cando deu o pase do primeiro gol a Andone e empregouse con gran contundencia.

8 EMRE ÇOLAK: 5

Compaxinou a súa posición na mediapunta coa dereita para cubrir a mobilidade de Carles Gil. Recibiu unha amarela nun boureo.

9 PEDRO MOSQUERA: 5

O coruñés acabou tombado polo esforzo sobre o céspede. Ten as vacacións para recuperar a súa mellor versión e recuperarse das lesións.

10 FERNANDO NAVARRO: 5

Serio no lateral zurdo, As Palmas buscouno, pero poucas veces atopou os seus erros. O catalán ata se atreveu a subir nalgún contragolpe final.

 

11 ALBENTOSA: 5

Tratou de non complicarse a vida, pero encargouse en demasiadas ocasións de sacar o balón desde a defensa e víronselle as limitacións.

12 ARRIBAS: 5

Contundente no despexe, aínda que non tan acertado á hora de xogar o balón. Case sempre lle deixou este recurso a Albentosa. 

13 LAURE: 5

O lateral madrileño foi o elo máis débil dunha defensa deportivista que non se complicou a vida en ningún momento. Perdeu algún balón perigoso.

 

14 FAYÇAL FAJR: s. c.

O franco marroquí apareceu nos últimos instantes para que a afección puidese felicitar a Andone polo seu bo partido. Apenas tocou o balón.

Votación
4 votos
Comentarios

O 1x1 do Deportivo-As Palmas