
O segredo está na masa e no recheo, sinalan desde a pastelería Anduriña de Foz, que ofrece máis de 50 variedades
21 may 2025 . Actualizado á 09:39 h.O reino da empanada chámase Anduriña e está en Foz. Non ofrece realmente mil como as primaveras de Cunqueiro pero chega a superar o medio centenar de variedades, tamén pastelones. Tantas como para elixir unha ao día nun bimestre. O establecemento que rexentan Moncho Castro e Mari Trigo, ela con apelido ideal para o oficio, ofrece unha listaxe de aúpa: bonito, bacallau, bacallau con pasas, zamburiñas, berberecho, polbo, polbo con gambas, mexillóns picantes, pescada con gambas, mexillóns, sardiñas, cogomelos con gambas, de carne (porco e tenreira, esta tamén con cabrales), zorza, beicon (só, con chourizo ou tamén con queixo), de pito (só, con cogomelos, queixo ou patacas fritas), de xamón e queixo, de espinacas con bechamel e tropezones de xamón york e queixo, de cocido galego (en tempada), de chacina máis rulo de cabra e cebola caramelizada, de zorza máis ovo ou zorza máis castañas, de porco celta con castañas e de orella. As sete veganas levan recheos con soia texturizada, tofu, bechamel de soia ou calabizo. Vexetarianas son dúas, de pisto de cabaciña e de espinacas con bechamel. Nalgunhas delas a masa é de follado.
«Para ver se funcionan, seguimos a mesma dinámica, dando a probar a amigos, clientes e xente coñecida»
Explica Castro que ás veces o cliente é a musa: «Veñen con ideas». «De feito, tiñamos a de setas con gambas e un díxonos de cambiar as gambas por polo. Para ver se funcionan, seguimos a mesma dinámica, dando a probar a amigos, clientes e xente coñecida. Tamén as temos sacado en pinchos no local, para ver se gustan á maioría ou non», sinala. «Cando fixemos a de orella con pimentón, unha gran maioría demandaba máis forza, máis sal», lembra. Así que lle deron o que se di hoxe en día un punch.
Masa ou recheo?
Destes dous elementos, pregúntolle cal é máis clave?: «É un compendio dos dous e trátase de buscar a calidade. Facemos o mesmo tipo de masa de empanada dende hai moito tempo, tamén a de hoxaldre. As proporcións non cambian porque funciona. O recheo é cousa de Mari, que é unha perfeccionista e marida moi ben as misturas. Ao final, tanto a masa como o recheo son importantes. O básico é a calidade do produto». Venden no seu local, en mercados e en liña. Todos os días ofrecen as clásicas, as top ten, e a de máis aceptación dentro das innovadoras e aceptan encargas. Hai unha especial dun asturiano que ao chegar a Foz «sempre pide unha de ortigas con gambas», di Castro. Si, leron ben, de ortigas. Non teñen «empanada mental», queridos lectores. A «máis rara» en Anduriña foi unha que suxeriu, atrevidamente, unha comisión de festas do Carmen: «Pedírannos unha de sardiñas... ¡pero doce!». Tras probas infrutuosas elaborárona con cabelo de anxo. «Era incomible», ri Moncho.
«O recheo é cousa de Mari, que é unha perfeccionista e marida moi ben as misturas»
Desde Mallorca, cuns amigos, facémoslle a sondaxe «Euroempanada». A de pito con queixo 2 points, pois son as favoritas de Moncho e Amada Castro. A de espinacas con bechamel e tropezones de xamón york e queixo, outros 2 points, de Mari Trigo e Conchi Otero. «Todas», salienta Lorenzo Molejón, mentres Luis Lage «a de bonito, a de polo con queixo e de zorza». And the winner is... pito con queixo!