Iago Aspas: «Non temos presión, pero si moita ilusión por gañar, témolo na man»

X. R. C. VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

CARLA BERMÚDEZ

O capitán ve ao Celta en continúa evolución, considera que fixeron «as cousas moi ben», durante todo o ano e destaca o papel do corpo técnico

21 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Iago Aspas Juncal pode clasificar o sábado para Europa ao Celta por segunda vez. O capitán é o único supervivente do equipo da tempada 15/16 e logo de estar no vestiario no inicio de semana ve ao equipo con ánimos renovados e agardando o partido diante do Xetafe. O 10 lembra que o teñen na man e que deben facer os deberes, pero tamén advirte da perigosidade dos equipos que non se xogan nada. Tampouco esconde que lle faría especial ilusión marcar o tanto que significase a clasificación.

—Como ve a situación para a derradeira xornada?

—Con moita confianza no corpo técnico e nos meus compañeiros. Témolo na nosa man e firmaríamos todos esta situación a principio de tempada e hai 10 días

—Cal é a súa sensación para o partido?

—Que temos que gañar. Temos á xente con nós, hai moitos afeccionados con nós e a miña familia, que van a Xetafe para apoiarnos e conseguir os tres puntos.

—Prefire Europa League ou Conference?

—Eu prefiro a Europa League e o club supoño que tamén, porque hai bastante diferenza no beneficio económico dunha a outra competición.

—O Celta entra en Europa en 23 das 27 combinacións posibles. É un dato que di que hai moitas posibilidades, pero nunca se pode un fiar.

—Iso das calculadoras... Hai uns anos tiñamos o 4 % de salvarnos e outros equipos dirían que se salvaban eles e logo conseguímolo nós. Nós temos que facer os deberes, temos todo na nosa man e temos que conseguir os tres puntos e así asegurar Europa.

—Esta semana parece un bo momento para lembrar a frase de Arsenio de que a «a festa sácancha dos fuciños»...

—O club sempre fai a festa de final de tempada. Nós tiñámolo na nosa man sabendo que o Raio era un bo equipo, e aínda que non conseguimos os tres puntos, espero que todos los finais de tempada sexan unha festa para o celtismo intentando entrar en Europa.

—Que Xetafe espera?

—A verdade é que é un equipo moi difícil e aguerrido, xa o vimos en Balaídos, que estaban cun xogador menos e só gañamos 1-0. É un equipo que compite ben e aínda que estaba nunha mala dinámica, os equipos de Bordalás sempre son difíciles de bater.

—Que non se xoguen nada pode ser un arma de dobre fío?

—Depende de como se mire. Hai uns anos estabamos xogando a permanencia en Balaídos co Levante, nós tiñamos que gañar, eles non se xogaban nada e ao final perdemos 2-3 e tivemos que ir xogarnos todo contra o Espanyol. Ás veces, cando os rivais non se xogan nada, están máis tranquilos. Nós non temos presión, senón moita ilusión por gañar este partido, témolo na man.

—Como está o vestiario?

—Cos ánimo renovados, ben. Cando perdes un partido, e máis na casa e logo de poñerte tan cedo por diante é complicado. Tiñamos todo a favor, e é un pau, pero perdemos na casa tamén co Athletic e co Real Madrid e repuxémonos.

—Que debe facer un capitán ao longo dunha semana tan especial?

—Sobre todo, animar aos compañeiros e lembrar que estamos moi ben, que fomos sempre de fronte ante todos os rivais e este partido non ten que ser menos.

—Sería unha decepción non entrar en Europa logo de como ían as cousas?

—Decepción non sería a palabra. Hai uns meses, todos asinaríamos esta situación e no peor dos casos, en catro combinacións de 27, quedariamos novenos e seguro que os 22.000 que foron a Balaídos o domingo en xaneiro, cando estabamos nunha situación máis difícil, asinaban seguro.

—Pendente do último partido, que nota lle pon ao curso?

—Notable ou sobresaínte, un oito ou un nove. Creo que demos a cara en case todos os campos, quitando tres partidos en 37 xornadas nos que igual non estivemos á altura do que viñamos sendo nós dende a pretempada. Estou moi ledo con esta campaña.

—Que destacaría deste ano en canto ao crecemento do equipo?

—Estamos en continua evolución. Neste éxito creo que ten moito que ver o corpo técnico, porque saber levar moi ben ao grupo e ten a todo o plantel metido. Fixemos as cousas moi ben ao longo da tempada, con todos participando, o que é de agradecer cando es un grupo tan grande como o noso.

—Se tivese que resumir o ano nunha frase, que diría?

—Afouteza. Non porque estea de moda, senón porque é o que sentimos os xogadores, sobre todo, na casa. Fóra, custounos máis, e se non estamos loitando máis arriba, é porque ao principio foi difícil puntuar a domicilio. Logo, na segunda volta, xa todo foi moito mellor.

—Acabar de sétimos nesta liga é ser o primeiro dos mortais?

—Si. A clasificación da liga vai moi parella aos presupostos, ao final, é moi fácil: cantos máis cartos tes, máis xogadores bos podes asinar e hoxe en día, os xogadores bos gañan moito diñeiro.

—Vostede marcoulle dous goles ao Xetafe no Coliseum, faríalle especial ilusión marcar o gol de Europa?

—Dende logo, como aos 24 compañeiros que teño no vestiario.

—Cal é a mensaxe para o partido do sábado?

—Sobre todo, ilusión e afouteza. Eu farei todo o que estea na miña mal para alentar aos meus compañeiros, para que sentan o celtismo cerca.

—Está convencido de que se vai a conseguir o obxectivo?

—Por suposto.

«Teríame gustado que Claudio me adestrase cando estaba na plenitude da miña carreira»

Coñecido por todo o mundo é que Giráldez, o seu adestrador, e Iago Aspas teñen unha relación especial. O futbolista apunta que o porriñés é un dos mellores técnicos que tivo ao longo da súa longa carreira deportiva e indica que lle tería gustado que o chegase a adestrar cando estaba no punto álxido da súa carreira.

—Fala con Claudio Giráldez de como xogarlles aos rivais e dálle algún consello?

—Xa se ve que teño moi boa relación. Ás veces pregúntame, pero os temas tácticos son cousa del. Tamén me comenta que fale con algún compañeiro se o ve máis decaído nunha semana ou alguén que non xogou e pode estar tocado.

—É o mellor adestrador que tivo ao longo da súa carreira?

—Dos mellores. Teríame gustado que me adestrase moito antes, cando estaba na plenitude da miña carreira.

—Teñen unha plantilla moi longa, pero aproveitada case ao 100 % con tanta rotación.

—O adestrador cambia moito e fai que todos os compañeiros ao longo da semana estean aprentando e que se vexan con opcións de ser titulares. É para estar contento vendo a participación de todos os compañeiros.

—Cal é o segredo para o bo rendemento desta plantilla?

—Sobre todo, a unión. Vese no vestiario a harmonía que temos, que fai todo máis fácil.