«Depende como me atope o vindeiro ano, pode ser o último ou non»

X. R. C. VIGO

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

Iago Aspas di que leva ben a suplencia: «Se teño que saír do campo no minutos 70 ou entrar dende o banco, eu estou igual de contento»

21 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Aspas asegura levar ben a suplencia, sumando dentro ou fóra do campo, aínda que recoñece que como a todos, sempre lle gusta estar no once. O capitán non esconde que está vivindo un dos años máis especiais e por iso falou co club para renovar, advertindo que aínda que lle quede un ano máis de contrato, non ten decidido que sexa o último. Dependerá como se encontre.

—Que tal se portaron este ano as súas dores de costas?

—Ben. Sempre digo que isto é como un matrimonio, unhas veces, ben, e outras, non tanto. Estou contento por aí, porque me está deixando participar bastante.

—Como se vai atopando fisicamente ao longo de todo o ano?

—Creo que comecei a tempada moi ben; logo, a lesión veume un pouco mal, porque cadrou co parón de Nadal e despois, cando volvín, custoume máis, sobre todo, entrar e aguantar os 90 minutos, pero estou moi contento coa miña participación.

—Como leva a suplencia cando lle toca?

—A verdade é que ben. O míster sempre cambia moito: un día xogas, outro non... Se teño que saír do campo no minuto 70 ou entrar dende o banco, eu estou igual de contento, tratando de arrimar o ombreiro. Aquí o que importan son as vitorias.

—Como considera que rende mellor, saíndo de cara ou como revulsivo?

—Como todos, eu quero xogar de titular todos os minutos posibles, pero o que ten que decidir é o adestrador. Se considera oportuno que debo saír dende o banco, eu adícome a animar aos compañeiros e cando me toque, saír intentar dar o mellor de min.

—Que sente cando en partidos como o do domingo sae a quentar e vense o campo abaixo?

—Moito orgullo. Eu sempre estou moi agradecido á afección.

—Claudio Giráldez comentoulle a principio de tempada cal ía ser o seu rol?

—Non, son cousas naturais. Moitas veces, ao longo da semana, dime se vou xogar ou non e outras, o día de partido.

—Como vello raposo, xa se decata pola semana se vai xogar ou non?

—Non sempre, ás veces penso que si e non xogo e outras, ao revés. Ás veces ten charlas comigo e dime que se pode facer isto ou outra cousa.

—Clasificarse para Europa sería o broche de ouro para a súa carreira?

—Sería un broche moi bonito, pero eu vou día a día, e dependendo de como me vaia atopando, pode ser a última o non.

—Ten un ano máis de contrato. Non dá por pechado que vaia ser o último?

—Non o sei. Neste momento, atópome ben, e se empezo a vindeira tempada como esta, xa veremos. Non sei o que vou facer, porque teño un partido máis para pechar esta bonita tempada, teño un ano mais de contrato e logo, o que teña que vir xa virá.

—Foi das súas tempadas máis ilusionantes aínda que xogase menos?

—Pode ser, por todo o relacionado co Celta, co celtismo, coa xente da casa no vestiario e no corpo técnico. Foi unha tempada na que o pasei moi ben no día a día, esa foi unha das razóns polas que falei co club para renovar un ano máis, porque non era só o que facía no campo e nos adestramentos, senón todo o que englobaba vivir o día a día deste vestiario.

—Volveu un pouco ás súas orixes xogando de nove.

—Este ano xoguei e nove, de enganche, algún partido case de mediocentro, na banda... O adestrador vaime buscando encaixe na posición que mellor se adapte ao equipo nese momento.

—E vostede onde se encontra mellor agora?

—Dentro do terreo de xogo. A min o que me gusta é xogar e participar e onde o adestrador considere.

«Dá gusto velo adestrar, gustaríame que Borja quedara»

Iago Aspas ten alma de director deportivo e non recorre ao manual á hora de falar de xogadores como Borja Iglesias, Ilaix ou Marcos. O capitán louba aos tres, espera que poidan quedar os dous cedidos e despois de anunciar no seu día a irrupción de Fer López, pon dous nomes enriba da mesa para o futuro: Óscar Marcos e Ángel Arcos. Por outra banda, non quere mollarse sobre o xogador que máis lle sorprendeu esta tempada, centrándose no gran ano colectivo de todos.

—Como futuro director deportivo, como ve a Marco Garcés?

—Teño unha moi boa relación con el, falamos a diario e intento axudarlle en todo o que estea na miña man.

—Este ano foron un acerto todas as fichaxes?

—Por suposto. Cando as cousas van ben, sempre é máis fácil que as fichaxes saian ben e cando van mal, poden botarlles a culpa. Tiñamos un plantel moi extenso e Marco tivo que facer encaixe de bolillos para dar saída a moitos xogadores cos que non contaba tanto o míster de primeiras.

—Ficharía a Borja Iglesias para a vindeira tempada?

—Dá gusto velo adestrar e esa harmonía que transmite nos partidos e ten nos adestramentos. É un xogador case de casa, leva moitos anos aquí, el está a gusto e por suposto que me gustaría que quedara, sabendo que non é unha operación fácil, que xa ten 32 anos, e que ten un ano máis de contrato. Hai que saber que ten moitas cousas detrás e non é dicir que o traes e punto.

—Tamén contaría con Ilaix Moriba no próximo proxecto?

—Tamén. Hai unha opción de compra e espero que se execute. Iso xa é un tema do club e de Marcos Garcés. É un futbolista que me sorprendeu moito, sobre todo porque chegaba cunha mochila de pedras detrás e, de primeiras, todo o mundo era un pouco remiso e sorprendeume a nivel persoal. Entrou moi ben, no día a día é un rapaz gracioso, que fala con calquera, ten descaro e unha forma de ser que cadra moi ben con nós. Iso derivou no rendemento que deu no terreo de xogo.

—Sorprendeulle o papel de Marcos Alonso, non só no futbolístico, senón no persoal?

—É unha persoa que xa coñecía, sabía todo o que nos podía dar no terreo de xogo e tiña unha boa relación con el fóra. Iso non me sorprendeu, pero si o rendemento que nos deu. Nos 30 partidos que leva con nós, creo que foi un dos mellores da tempada.

—Que xogador lle sorprendeu máis esta tempada?

—Moitos. Había xogadores que xa viñan adestrando con nós, logo estaba Fer, que estaba subindo, e Damián e Hugo o ano pasado. Isto non é nada individual, o fútbol pasa por momentos e por estados de forma, e creo que o conxunto, en global, está facendo unha boa tempada.

—Non hai moito tempo preguntáronlle que xogador de futuro vía e dixo Fer López. Cal será o seguinte?

—Tería que ver máis partidos do filial para responder, pero hai xogadores que o veñen facendo moi ben, como Óscar Marcos, Angelito (Arcos)... Son xente moi nova, de 18 anos, e deben ser os próximos que empecen a adestrar con nós e teñan oportunidades no primeiro equipo.

«Marián Mouriño está levando o club de marabilla»

O capitán destaca o papel da presidenta no momento actual que vive o Celta e tamén a remuda xeracional de afección.

—Que lle parece a xestión de Marián Mouriño como presidenta?

—Creo que está levando o club de marabilla. Achegou a afección aos xogadores, que era algo que quería tanto ao celtismo coma nós; tamén no tema do alcalde e co estadio. Agora estamos todos nunha harmonía moi grande e esperemos que dure moitos anos.

—Semella, ademais, que hai unha remuda xeracional no celtismo.

—O outro día falabamos no autobús, cando chegabamos ao estadio había moita xente nova, e cando nos acompañaban na bancada de animación tamén son maioría e estamos moi contentos de que se vaian animando.