O neto de Ángela Iglesias e José Niebla, asasinados polo franquismo en Vigo, recupera a súa historia nun libro
VIGO

Paco Niebla presentará A Protestante. Ollos azuis, corazón vermello no Instituto de Estudos Vigueses o próximo 2 de outubro
24 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Paco Niebla nunca puido coñecer aos seus avós. Ángela Iglesias e José Niebla foron torturados e asasinados polo franquismo en monte da Guía no 1937. Acusáronos de ser comunistas, protestantes e dar acubillo a «fuxidos». O seu neto quixo recuperar a súa historia coa publicación do libro A Protestante. Ollos azuis, corazón vermello, que edita o Instituto de Estudos Vigueses e que describe por primeira vez a azarosa vida de Ángela e José.
A obra é froito de 22 anos de recompilación de datos en arquivos, rexistros civís e testemuños orais que serviron para documentar a vida dos avós do autor, especialmente da súa avoa, que foi unha destacada activista republicana, comunista, galeguista, sufragista e feminista e que profesou a relixión evanxélica.
A novela, que detalla pormenores da vida de Ángela Iglesias Rebollar desde o seu nacemento, na Guarda no 1911 no seo dunha familia católica, ata a súa morte, con tan só 26 anos no 1937, será presentada o 2 de outubro no Instituto de Estudos Vigueses.