Nahuel cumprirá en Málaga o seu segundo partido de sanción co Deportivo

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

O TAD non chegou a tratar o escrito contra o castigo ao non recibir o informe da federación española, que aínda non esgotou o prazo

22 feb 2019 . Actualizado á 15:09 h.

Matías Nahuel Leiva non xogará en Málaga. O extremo do Deportivo terá que cumprir o segundo partido de sanción como consecuencia da súa poémica expulsión en Granada. O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) non chegou a tratar este venres o caso ao non dispor da documentación necesaria. 

Nahuel foi expulsado en Granada por «golpear a un adversario á altura do pescozo non estando o balón en xogo», segundo redactou o árbitro madrileño Pizarro Gómez. Unha decisión moi protestada desde o Deportivo, pois o futbolista non fixo máis que quitarse de amais a un rival. Despois de coñecer a resolución de competición, que lle impedía xogar tanto ante o Nàstic como fronte ao Málaga, o club coruñés pediu ao TAD a suspensión cautelar do castigo. Pero foille denegada

Foi o pasado venres, 15 de febreiro, ante esa primeira negativa, cando o Deportivo presentou un novo escrito ao TAD pedindo a anulación da sanción mesma. O pasado luns, día 18, o tribunal deu traslado do expediente á Federación Española de Fútbol (RFEF), que dispuña de dez días para enviar as súas alegacións. Este venres, ás 12.30, ese escrito non se recibiu no TAD, polo que o tema non foi tratado sequera na reunión de hoxe

Desta forma, xa carece de sentido que o TAD se pronuncie, pois a resolución sobre a sanción de dous partidos chegaría despois de que o castigo se cumprise na súa totalidade. A RFEF aínda ten días para enviar o seu escrito, e despois, en teoría, o Deportivo tería dereito de audiencia e podería realizar alegacións a ese texto. Sería despois, probablemente o vindeiro venres, cando o TAD podería emitir unha resolución sobre a anulación dunha sanción xa cumprida. Un fallo sen efecto práctico ningún. 

Ante esta situación, o Deportivo podería desistir de continuar co seu recurso.

O Comité de Apelación desestimara o recurso do Deportivo presentado tras a resolución do Comité de Competición de sancionar con dous partidos de suspensión a Nahuel Leiva. O xogador fora castigado por infracción do artigo 123.2 do Código Disciplinario, é dicir, por «producirse de xeito violento sempre que a acción orixine risco, pero non se produzan consecuencias danosas ou lesivas» estando «á marxe do xogo ou co xogo detido».