A lei do Comité e a lei de Natxo González

TORRE DE MARATHÓN

Antonio L Juárez

15 feb 2019 . Actualizado ás 14:26 h.

A sanción imposta por Competición a Nahuel indigna especialmente, porque deixa claro que hai distintas varas de medir nun órgano que debería impartir xustiza. Serán a importancia do xogador, o pedigrí do club ou o café que aquela mañá se tomou o xuíz, pero o comité que castigara cun único partido sen xogar ao malaguista N'Diaye por ameazar cun sonoro «vouche matar» ao exdeportivista Xisco, agora no Osasuna, non pode ser o mesmo que o que suspendera con catro a Borja Vale por aquel «es un lercho de merda» que lle espetou a Ais Reig en Córdoba, ou o que acaba de sancionar con dous a Nahuel «por golpear a un adversario á altura do pescozo non estando o balón en xogo», cando as imaxes reflicten que empurrou a Víctor Díaz no peito e este botouse as mans á cara. Que foi unha pantomima, imos.

Pero a niñería de Nahuel, reforzo de seis meses no Dépor e que saíu para xogar os vinte minutos finais en Granada co marcador a favor, non pode quedar impune. Aquí si que Natxo González aplica a mesma lei. Cando aquel exabrupto de Val, o técnico non só tivo que esquecerse do atacante por aquelas catro xornadas, pois aínda lle aplicou outra a maiores. Non lle convocou para nada menos que o partido en casa contra o Osasuna, e, a continuación, foi suplente en Majadahonda. Desde entón, o berciano non se descabalgou do once e ata acaba de ser premiado como o mellor xogador do Dépor en xaneiro. Porque a lei de Competición cabrea e a de Natxo insignia.