160 bloques de 56 toneladas e fabricados «in situ» para reforzar o dique do porto de Burela

PORTOS

Contribuirán a restaurar a estrutura nos seis tramos máis deteriorados
14 jul 2025 . Actualizado á 18:31 h.Numerados e ordenados. A presenza no porto de numerosos e enormes bloques de formigón cos que se reforzará o dique de abrigo do peirao de Burela non pasa desapercibida na zona portuaria da localidade onde a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 1,8 millóns de euros en restaurar e adaptar ao cambio climático o espigón con espaldón que cos seus 1.074 metros de lonxitude protexe a zona portuaria.
Repararanse as zonas máis deterioradas debido á acción do mar e ás adversidades climatolóxicas para o que a Xunta, que adxudicou a obra en febreiro, prevé achegar uns 160 bloques de formigón de tres metros de lado e 56 toneladas de peso.

Segundo confirmou Portos, os cubos fabrícanse «in situ», como xa recollía o proxecto construtivo da actuación. Durante unha visita realizada hai meses ao porto burelense, técnicos dese organismo indicaron que a metade dos bloques poderán ser colocados desde terra. O resto instalaranse desde o mar, de aí a previsión de usar un guindastre de máis de 500 toneladas e unha pontona para un mínimo de 1.000 toneladas.
«A aportación dos bloques está calculada de xeito que afronte os rebases de onda pese ao incremento esperable do nivel do mar debido ao cambio climático, no horizonte 2100», indicaban as mesmas fontes da consellería.
A consellería manexa 22 meses de prazo para executar a obra para reforzar a estrutura, dividida en dúas aliñacións rectas, de 516 e 658 metros, con tramos construídos en distintas etapas.
Segundo recolle o proxecto, o tramo máis próximo ao areal de Penoural levantouse entre os anos 1931 e 1962, sufrindo varias modificacións. Nesta actuación, segundo a Xunta, traballarase tanto a nivel estrutural como de pases sen ser necesarias campañas de investigación geotécnica.