Biodiversidade cita ao arrastre e ao cerco polos cetáceos que caen nas súas redes
PESCA E MARISQUEO

Solicita información para intentar reducir as capturas accidentais
01 jun 2025 . Actualizado á 04:50 h.Para alimentarse, cetáceos como os golfiños poden lanzarse a por peixes capturados pola flota ou quedar atrapados cando comen bancos que apresan as redes. Biodiversidade Mariña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Pesca, pide colaboración ás flotas do arrastre e do cerco para pescudar a relación desas capturas involuntarias cos mamíferos mariños que aparecen varados na costa.
Obter máis información forma parte do plan español de redución de capturas fortuítas de cetáceos. O Ministerio de Transición Ecolóxica, con apoio do de Pesca, impulsan o proxecto VaradaC, que inclúe a marcaxe —con bridas identificadas cun número e un código QR— dos golfiños que poidan liberar os pescadores, así como o rexistro nos diarios de pesca.
Este martes, 3 de xuño, en Santiago, axentes ambientais de Biodiversidade e persoal de Tragsatec explicarán os detalles do proxecto a representantes dos arrastreiros e dos cerqueiros de litoral de Galicia, que á súa vez os transmitirán aos pescadores. Nesa reunión tamén repartirán fichas e guías para que a flota saiba como marcar aos cetáceos coas bridas que máis adiante enviarán ao sector.
Ademais desta cita na capital galega, está prevista outra en Santander, o xoves, día 5.