
A partir deste luns agarda un episodio de calor no que case todas as cidades superarán ese valor
08 jun 2025 . Actualizado á 18:15 h.As altas temperaturas volven a Galicia esta semana, nun episodio que comezará este luns e estenderase ata o mércores. Meteogalicia activou a alerta por altas temperaturas para este luns no Miño de Ourense e o Miño de Pontevedra, onde os termómetros poderían superar os 36 graos. Este novo episodio de calor afectará a toda a comunidade, e, aínda que non hai alerta nesas cidades, Santiago, Pontevedra e Vigo tamén superarán os 30 graos. A máxima máis fresca será, unha vez máis, a da Coruña, con 24 graos.
A calor quedará tamén este martes, unha xornada na que as temperaturas aínda subirán máis en cidades como Lugo e A Coruña, e manteranse moi altas no resto. Practicamente toda Galicia estará por amais dos 30 graos. Das principais cidades, só A Coruña quedarase por baixo, en 28. Iso si a calor estará acompañado de choiva, xa que a partir do mediodía se prevén tormentas que afectarán durante a tarde e a noite ás catro provincias.
Xa o mércores parece que as temperaturas sufrirán un acusado descenso, de ata dez graos nalgúns puntos, e quedarán por baixo dos 30 en toda Galicia. A previsión apunta a quelos termómetros seguirán baixando ata o venres, e a partir de aí remontarán de novo, xa na segunda parte da fin de semana.
A situación será similar en moitos puntos de España, xa que a calor extrema azouta desde onte ao sur peninsular, onde os termómetros acadaron valores de ata 42 graos que causaron a activación pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) de avisos de nivel laranxa (risco importante) en grandes áreas de Andalucía.
As previsións da Aemet apuntan que os avisos por calor estenderanse hoxe a Castela e León, Madrid e Galicia, e que se activarán ademais alertas por tormentas nas comunidades de Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e a Comunidade Valenciana.
As previsións da Aemet apuntan que as tormentas volverán hoxe a ser fortes en amplas zonas das dúas mesetas, nas cordilleiras béticas e na Ibérica, onde tamén se rexistrarán chuvascos fortes, pero o máis significativo volverán ser as temperaturas significativamente altas e propias do pleno verán que se van a acadar en moitos lugares.
O episodio lembra ao vivido a finais de maio, no que se bateron marcas de temperatura non acadados desde hai décadas en España.