Portos insiste en reclamar 43.113 euros ao dono dun pesqueiro que ardeu en Camariñas
SOMOS MAR
A Administración autonómica desestimou o recurso presentado pola casa armadora e confirma o pago dese diñeiro polos custos derivados da reflotación do bonitero Jangoikoa
18 dic 2025 . Actualizado á 15:19 h.Portos de Galicia desestimou as alegacións presentadas por un armador e insiste en reclamar os gastos derivados das operacións para reflotar o Jangoikoa, un bonitero que se incendiou na madrugada do 4 se setembro do 2024 e que rematou no fondo do porto de Camariñas.
Foi Portos de Galicia a institución que puxo os medios para evitar a contaminación derivada da fuga de gasoil e polo traslado dos restos. Todos estes conceptos suman 43.113,34 euros. O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución pola que se rexeitan as alegacións presentadas pola casa armadora, que pode presentar un recurso de alzada ante o Consello Reitor de Portos de Galicia. O propietario do barco ten agora un mes para facelo e con esta medida daríase por finalizada a vía administrativa de reclamación deses 43.113,34 euros.