Patrocinado porPatrocinado por

A Xunta pide que se adiante un mes a repartición da sardiña que non captura Andalucía

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MARCOS MÍGUEZ

Mar, en consenso co sector, presenta alegacións á proposta de Pesca de rebaixar á metade a cota da especie

15 jul 2025 . Actualizado á 04:46 h.

A Consellería do Mar, en consenso co sector galego, presentou alegacións ao borrador que a Secretaría Xeral de Pesca enviou a confrarías e asociacións para modificar á baixa a cota semanal e diario de sardiña a partir deste mes alegando que se está esgotando a cota que había para o Cantábrico Noroeste. A proposta é baixar case á metade os topes para cerco, racú e piobardeira.

Mar e o sector solicitan a Madrid que manteña os topes iniciais e critican que se poña en risco a «rendibilidade e estabilidade socioeconómica da frota» cando o consumo de cota aínda está no 80 %. Alegan, para reforzar a súa postura, factores de explotación e comercialización para apoiar a súa petición.

Ao mesmo tempo, instan a Pesca a que adiante un mes a aplicación do mecanismo de optimización de cotas, mediante o que se redistribúen as posibilidades de pesca sobrantes dunha flota para atender as necesidades doutras. Así, se estaba previsto recontar en agosto a cantidade de sardiña que non vai pescar a flota do golfo de Cádiz, piden que se realice agora, a final de contas só leva consumido o 50 % da cota, asegura a Xunta nun comunicado. Tamén solicitan que se aplique ou «mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca, en favor da frota galega, computando as súas capturas á conta de dita cota desde o momento da súa autorización».

Intercambio con Portugal

Así mesmo, sector e Administración galega apreman ao Executivo central a pechar o intercambio de sardiña con Portugal, posto que o país veciño «precisa de cotas doutras especies distintas ás obxectivo da frota do cerco, que poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas».

Mar lembra que a resolución de marzo fixaba un tope de 10.000 quilos semanais para os buques de 8 ou máis tripulantes e 40 GT, sempre que dispuxesen de diario electrónico, que agora se baixarían a 5.000. Aqueles que non envían as capturas por métodos electrónicos, tiñan 2.000 quilos por día natural. Os máis pequenos dispoñen de 6.800 quilos por semana se teñen DEA e 1.500 diarios se aínda funcionan con notas de papel.