
Gardacostas comisou 117,8 quilos de cefalópodo e levantou unha acta de presunta infracción
15 jul 2025 . Actualizado á 17:00 h.Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia interviñeron no porto de Portonovo 117,8 quilos de polbo á embarcación Novo Fren Un o pasado luns. Dáse a circunstancia de que o armador e patrón desta embarcación de baixura, de 10 metros de eslora, é o patrón maior de Portonovo, Martín Domínguez.
Comisaron as capturas que levaba a bordo de máis o Novo Fren Un, que foron entregadas ao banco de alimentos, ademais de levantar unha acta de presunta infracción.
Pola súa banda, desde a Consellería do Mar confirmaron a realización de «unha acta de presunta infracción no porto de Portonovo a unha embarcación local decomisándose 116 quilos de polbo que posteriormente foron entregados ao Banco de Alimentos de Pontevedra. Ademais, procedeuse a incautar a embarcación quedando precintada e o rol entregado na base de Pontevedra. A partir de aí será o instructor do expediente o que dirima a resolución sobre dita acta».
Por outra banda, o armador do Novo Fren Un defendeuse argumentando que «traía quilos de máis, pero non era polbo ilegal» sinalando que todos cumprían a talla regulamentaria. Preguntado se cre que este incidente afectará á súa posición na confraría de pescadores, Domínguez afirmou que non. «Eu non teño por que renunciar ao cargo, porque eu non cometín ningún delito. Se estivera en veda o polbo xa sería doutra maneira, pero eu non cometín ningún delito. É un motivo de infracción. Se a un lle quitan cinco puntos de carné, xa máis nunca se queda sen carné para a vida? Terei que pagar a sanción». O patrón recalcou que en 28 anos de profesión como armador «nunca me colleran con polbo de máis», insistindo que o todo o cefalópodo era regulamentario en canto á talla.