Mar, á caza de ideas polo mundo para espremer todo o potencial costeiro
SOMOS MAR

A Consellería lidera o lanzamento do laboratorio atlántico SeaLab, unha plataforma que funcionará como un espazo dixital de innovación costeira
14 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Consellería do Mar lidera o lanzamento do laboratorio atlántico SeaLab, unha plataforma web que funcionará como un espazo dixital de innovación costeira e que reunirá «boas prácticas, ferramentas técnicas, exemplos de proxectos sostibles e recursos orientados á acción local», explica a Xunta.
Esta ferramenta é o principal resultado visible do proxecto SeaLabHaus, que se inclúe no programa europeo Interreg Espazo Atlántico, impulsado pola Universidade da Coruña e no que participan, ademais de Galicia, rexións de Irlanda, Francia, Portugal e Canarias bañadas polo Atlántico. «Trátase dunha infraestrutura impulsada desde Galicia, con vocación transnacional, deseñada para ser útil máis alá da duración do proxecto, ao servizo das comunidades costeiras e da planificación territorial no litoral», explica a Xunta.
O obxectivo é identificar 25 proxectos, cinco por rexión, con potencial de ter un impacto positivo a nivel local. Para iso, seleccionaranse propostas innovadoras, nacidas nas rexións costeiras da zona atlántica, «comprometidas coa sustentabilidade, a inclusión social e a transformación creativa, tanto se son accións comunitarias, como unha empresa privada local consolidada, unha startup, un colectivo, unha autoridade local ou unha axencia gubernamental».
Prazo de presentación
A data límites para a recepción desas ideas que innoven na cadea de valor do turismo, do patrimonio marítimo e da economía azul será o próximo 21 de xullo. O proceso finalizará coa selección dunha iniciativa por rexión para o seu posterior desenvolvemento como proxecto piloto apoiado pola UE mediante mentorías e promoción a través de SeaLabHaus.
A través desta actuación, di a Xunta, persoas, entidades e comunidades mariñeiras poderán acceder a recursos e modelos adaptables á súa realidade, obter apoio para deseñar proxectos ligados ao mar e compartir ou visibilizar boas prácticas doutros puntos do atlántico.
Mar dedica a este programa 50.000 euros, dos que o 75% procederán dos fondos FEDER.