A conselleira do Mar arenga ao seu equipo ao recibir «a chave do horizonte do mar de Galicia»
SOMOS MAR

Defender en Europa os intereses do mar, reforzar a pesca e o marisqueo, protexer o emprego e garantir elrelevo xeracional, entre as peticións de Rueda a Marta Villaverde
06 jun 2025 . Actualizado á 04:45 h.O máis probable é que Alfonso Rueda non soubese de Marta Villaverde moito máis que o nome —á familia desta non a coñecía, pois supuña que eran «os que están ao final da sala»—. Polo menos non ao nivel como coñecía a Alfonso Villares, que ascendeu a conselleiro desde o seu círculo de amigos. Pero o que leu acerca da opinión que o sector tiña sobre a que ata o mércores era directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro acabou de convencelo de que dera no cravo. Que acertara ao incorporala a «este grupo de compañeiros que se axudan, non compiten», e encomendarlle o temón dun departamento «fundamental para a Xunta e absolutamente estratéxica para Galicia». Rueda pediulle un «liderado sereno, diálogo coa xente do mar e capacidade de xestión, que xa tes acreditada e, sobre todo, visión de futuro».
Antes, Marta Villaverde, visiblemente emocionada, prometera o cargo, pedido «xustiza» para Alfonso Villares, agradecido ao presidente a súa designación, saudado a todas as mulleres e homes que a acompañaron «nesta travesía de traballar por Galicia», e dito bonitas palabras para a súa familia.
No medio do seu discurso, unha arenga ao seu equipo: «Compañeiros: temos entre as nosas mans a chave do horizonte da Galicia do mar o mar de Galicia dende o que debuxaremos un futuro conxunto, que seguirá a requirir do bo facer de todos e cada un dos que formamos parte de esta casa».
Desde esa casa que é a Xunta, o presidente debullou o seu mandato, con «moitos retos por diante». Para empezar, «defender os intereses do sector en Europa, como se estaban defendendo agora; reforzar o apoio á flota, ao marisqueo e a súa necesaria transformación; protexer o emprego no mar e en toda a cadea mar-industria e fomentar a remuda xeracional; seguir investindo e fomentando investimento en innovación e formación e, por suposto, seguir adaptando a política dos nosos portos aos novos tempos para que sigan sendo o motor das zonas nas que están emprazados». Difícil e poida que incluso imposible, pero Villaverde asume o reto.
«O mar é unha a prioridade», pechou un Rueda xa do todo convencido de que a nova conselleira saberá gañarse «ou respecto do sector». Porque o leu.