Patrocinado porPatrocinado por

Os drons volven voar en busca de infraccións para a Axencia de Pesca de Vigo

La Voz REDACCIÓN

SOMOS MAR

Ese servizo de vixilancia pesqueira interrompeuse en marzo como consecuencia da crise sanitaria

23 jul 2020 . Actualizado á 16:58 h.

Aínda que o Lundy Sentinel, a embarcación coa que a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA) vela pola legalidade da pesca que se exerce en augas comunitarias, continuou operando durante a crise sanitaria do covid-19, si se interromperon os voos de aeronaves pilotadas a distancia (RPAS, polas súas siglas en inglés) que opera a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) desde esa patrulleira. Desde marzo que os drons non facían estas tarefas de vixilancia.

Ata o de agora. O Lundy Sentinel partiu do porto de Vigo -onde a EFCA ten a súa sede- a finais do mes pasado rumbo ás augas internacionais do oeste e do centro do Mediterráneo central, no marco do compromiso da Unión Europea cara ás organizacións rexionais de pesca como son a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT) e a Comisión Xeral de Pesca do Mediterráneo (CGPM). Esta misión centrouse na vixilancia o atún vermello e outras actividades pesqueiras reguladas así como a vixilancia das áreas restrinxidas á actividade.

Os drons que desprega a axencia con sede en Lisboa, dotados de cámara óptica e infravermella, proporcionan información adicional nas inmediacións do barco como, por exemplo, antes e durante o embarque. EMSA organiza os datos e o vídeo do voo en tempo real a través dun sistema seguro (de Emsa Satcom) ao centro de coordinación da institución de Vigo.

A acción coordinada entre as dúas axencias empezou no 2019 e os voos estiveron vixiando áreas de interese no mar Mediterráneo, augas Occidentais e do Atlántico nordeste, mar do Norte e mar Báltico.

Este servizo enmárcase na cooperación europea das funcións de gardacostas, actualmente presidido por EFCA, no que as axencias da Unión Europea EFCA, EMSA e Frontex apoian as autoridades nacionais competentes en asegurar unha acción coordinada e eficiente no custo no mar.