Multa de 90.000 euros á adega Terras Gauda por usar un mosto prohibido na elaboración de viños de Rías Baixas

E. V. Pita VIGO / LA VOZ

AGRICULTURA

M.MORALEJO

A empresa sancionada pola Xunta pertence á denominación de orixe protexida e debía sabelo, di o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A adega considera o fallo «inxusto e desproporcionado» e recorrerao no Tribunal Supremo

23 oct 2025 . Actualizado á 12:59 h.

A sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a multa de 90.000 euros imposta pola Xunta no 2024 a Terras Gauda por usar un produto non autorizado, un mosto, na elaboración dos viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. Impúxolle tres multas de 30.000 euros cada unha pola presenza de mosto concentrado rectificado nos depósitos de polietileno situados nas instalacións da adega. A sala recalca que non se trata de abono orgánico rectificado, como consta na súa etiqueta. 

Adegas Terras Gauda indicou nun comunicado que respecta a decisión do TSXG, pero «non compartimos o seu fallo» e van recorrer a sentenza no Tribunal Supremo. «Tras unha profunda análise co noso equipo xurídico, recorrerémolo por consideralo inxusto, desproporcionado e non axustado a dereito, confiando plenamente nunha resolución satisfactoria», afirma a empresa.

A sala sinala que a adega, con sede no Rosal, debía de saber do «carácter prohibido»  das súas condutas por pertencer á devandita denominación de orixe protexida. Tamén destaca que a empresa non ofreceu «xustificación algunha á existencia do mosto concentrado rectificado, polo que ha de considerarse que a única finalidade é o aumento do grao de alcol».

O asunto destapouse en outubro do 2022, cando uns inspectores de Control de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural acudiron ás dependencias de Terras Gauda e levantaron unha acta para pescudar se existía o mosto concentrado rectificado en varios depósitos baleiros. Ningúns tiñan restos de bitartratos procedentes da estabilización tartárica do viño. Tomaron máis mostras noutras naves con dous depósitos de mil litros cada un e identificados como abono líquido orgánico concentrado, que foron precintados. Máis tarde, ordenouse destruílo.

A adega negou no seu día tal fraude e alegou que noutras comunidades autónomas autorizaban o aumento do grao alcohólico e uso de mosto en viños mozos. O TSXG replícalle que se trata dunha «conduta intencional» e ver culpable de «prácticas enolóxicas prohibidas».

Noticia en proceso de ampliación