Planas di que a declaración de forza maior permitirá cobrar as axudas da PAC «póidase producir ou non»

María Cobas Vázquez
M. Cobas OURENSE

AGRICULTURA

ALEJANDRO CAMBA

O ministro avanza que as subvencións directas para explotacións cobraranse antes de que acabe o ano

26 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Das 370.000 hectáreas ardidas este verán en España, 30.000 son agrícolas. Son datos achegados polo ministro de Agricultura, Luis Planas, na súa visita á adega Alán de Val (amparada pola denominación de orixe Valdeorras, unha das afectadas polo lume), onde falou das axudas que aprobará o Goberno para os afectados, pero tamén das relativas á PAC. Consciente de que é un tema que preocupa de xeito especial tras o paso do lume, Planas avanzou que desde o Goberno xa falaron coa Comisión Europea e as comunidades autónomas para que «mediante unha declaración de forza maior [que ten que solicitar a comunidade autónoma, neste caso a Xunta], todo o mundo poida percibir exactamente igual as axudas, poida producir ou non, e nas condicións nas que o vaia a facer». Avanzou tamén que o próximo 16 de outubro pagarase o adianto da PAC e este ano elevarase a porcentaxe ata o 80 % para achegar liquidez aos afectados polos incendios.

Ademais, explicou que a solicitude ao comisario de Agricultura de que active o fondo de crise da reserva agrícola suporá outra posible fonte de axudas.

Na mesma liña, Planas anunciou que desde onte está en fase de consulta pública o decreto de axudas que dará o Goberno. Levará ao Consello de Ministros en outubro. Avanzou que todas serán complementarias coas lanzadas desde a Xunta. «Non queremos entrar en ningún tipo de competencia política, aquí os importantes son os nosos agricultores e gandeiros e o que intentamos é que reciban o maior apoio posible», dixo. Explicou que recibirán o 20 % dos ingresos declarados o ano pasado. Será unha axuda directa que non terán nin que pedir e que cobrarán antes de que remate o ano.

Na súa intervención, acompañado da conselleira do Medio Rural, Planas puxo en valor o seguro agrario. Sabedor de que no sector do viñedo en Galicia a súa cobertura é baixa, animou a subscribilo. «É un grande instrumento para defendernos ante situacións extraordinarias como as que estamos a afrontar», dixo, remarcando que ademais está subvencionado por Goberno e Xunta. De feito, quen o teña recibirán ata 6.000 euros máis de axuda.