Patrocinado porPatrocinado por

Chega a froita de óso desde América e Sudáfrica en pleno debate sobre as cláusulas espello

m. Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

As ameixas conviven coas laranxas nos lineais dos supermercados galegos

13 mar 2024 . Actualizado á 09:29 h.

O establecemento de cláusulas espello —aplicación das mesmas normas que teñen que cumprir os produtores da Unións Europea— para os produtos alimentarios que cheguen á UE desde terceiros países é un dos asuntos que sacou aos agricultores á rúa en Europa ao longo dos últimos meses. No medio dese debate e xusto cando en España aínda se está en tempada de cítricos como a laranxa ou a mandarina, dos amorodos de Huelva ou dos kiwis galegos, nos andeis das froiterías da comunidade comeza a verse algunha que outra variedade de froita de óso. Desde paraguaios a ameixas, uns alimentos que no hemisferio norte danse nos meses de verán. Pero a súa presenza nas tendas nas primeiras semanas de marzo non se debe a que este ano se adiantase a colleita, a razón é que son importadas de países suramericanos ou africanos. Desde Chile a Sudáfrica.

É o caso dos paraguaios que chegan desde Sudamérica ou as ameixas vermellas e amarelas que acaban nos lineais dos supermercados galegos procedentes de Sudáfrica.

Este último é un dos países de fóra da Unión Europea que máis froita exporta a España. No caso do sector de froita e verdura, segundo o ICEX, a balanza comercial é deficitaria para España. Con todo, no 2021 os agricultores españois exportaron máis de 20 millóns de euros en froita e seis millóns en verduras ao mercado surafricano. Ao contrario, o valor da froita e verdura importada desde alí a foi de 48 millóns e 2 millóns de euros, respectivamente.

Como saber de onde é a froita e verdura que compramos? A orixe debe figurar na etiqueta. E non é o mesmo que o lugar de envasado. Pero o que non falla para saber a súa procedencia é o código de barras que debe acompañar ás caixas destes alimentos. Este código (o EAN) consta de 13 díxitos, aínda que pode ás veces ter 8 ou 12. Cada número corresponde a un produto e rexión de procedencia. Cando empeza polos número 8 e 4 correspóndese con España.