A semana arrincará con fortes choivas en Galicia

María Viñas Sanmartín
maría viñas REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

XOAN CARLOS GIL

Santiago xa activou un dispositivo de prevención de inundacións en varios puntos da cidade

17 jun 2024 . Actualizado á 10:47 h.

Diluvio universal na metade oeste galega para empezar a semana, que é xa a terceira de xuño e do verán, nin rastro. Ata dúas alertas amarelas por choivas ten activadas para este luns Meteogalicia na provincia da Coruña, entre as nove da mañá e as nove da noite, avisos que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) estende á provincia de Pontevedra. As precipitacións, ademais, prevense intensas, tanto que o concello de Santiago despregou un dispositivo de prevención de inundacións en varios puntos da capital galega. Os técnicos municipais, en colaboración con Viaqua, levan días revisando a rede de sumidoiros e as redes de canalizacións de pluviais, prestando especial atención a puntos que acostuman colapsarse en episodios de grandes acumulacións de auga.

Ata o xoves esperan provisións de ata 60 e 70 litros por metro cadrado en moitas zonas da comunidade e aínda que as choivas serán especialmente intensas o luns, o martes e o mércores seguirá caendo auga, de forma menos persistente, pero igual de forte e nalgúns puntos acompañada de aparello eléctrico. Tal e como explica Meteogalicia, a esquina noroeste peninsular quedará baixo a influencia das baixas presións e o luns arrincará con ceos moi nubrados, con choivas localmente fortes no litoral atlántico que aos poucos se irán estendendo ao resto do territorio. Non fará moito frío, porque o vento soprará, moderado, der sur. Así, as temperaturas mínimas roldarán os 15 graos e as máxima os 20 —en Santiago non pasarán dos 17 e en Ourense alcanzarán os 23 —.

Para o martes, a previsión debuxa un día inestable, debido ao aire frío nas capas altas. Os intervalos nubrados alternaranse con chuvascos, «localmente tormentosos e ocasionalmente fortes», máis probables na segunda metade do día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso —de media, 11 graos— e as máxima subirán, superando holgadamente os 20 en case toda a comunidade. Lugo e Ferrol chegarán aos 24 e Ourense, aos 25.

Os que vaian irse fóra deberán ter en conta que non só choverá aquí: espera humidade, e raios e tronos, en toda a cornixa cantábrica. No leste e en Baleares entrará po en suspensión do norte de África, o que deixará choivas de barro a medida que avance a semana.