Nova convocatoria extraordinaria para vacinarse da gripe: sábado e domingo, para maiores de 60 anos, nos hospitais

SOCIEDADE

Vacunación frente a la gripe en el CHUO, el pasado 29 de noviembre.
Vacinación fronte á gripe no CHUO, o pasado 29 de novembro. MIGUEL VILLAR

Sanidade convocará a 73.600 galegos que aínda non se puxeron a inxección. Ademais, amplía o ensaio de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial aos maiores de 18 anos

18 dic 2025 . Actualizado á 09:47 h.

A gripe circula hoxe en Galicia cunha intensidade media, e irá a máis, advirten as autoridades sanitarias. As consultas por síntomas respiratorios e dixestivos —típicos deste virus— e as hospitalizacións por complicacións da enfermidade continúan á alza en toda a comunidade. Son os nenos e os máis maiores os que están a acusar especialmente o impacto do patóxeno, que este ano chegou antes do previsto, razón pola que a Consellería de Sanidade convocou unhas novas xornadas extraordinarias de vacinación para todos os maiores de 60 que aínda non se puxeron a inxección. Terán lugar nos hospitais este sábado e este domingo.

O 65,32% dos galegos de 60 ou máis anos están xa vacinados, o que sitúa en 34,68% —un de cada tres— a porcentaxe de persoas sen protexer nesta franxa de idade. A máis de 73.600 zoupeiros, que non puideron ou non quixeron acudir á súa cita —ou que, por calquera razón, non recibisen ou non visen no seu día o SMS— emprazaráselles a acudir esta fin de semana aos seus centros hospitalarios de referencia. O obxectivo é dobre: brindarlles inmunización individual e aumentar os niveis de cobertura poboacional para facer fronte a un pico que aínda está por chegar.

As xornadas extraordinarias de vacinación celebraranse en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, o sábado nos hospitais comarcais e os dous días nos principais. As persoas que formen parte desa franxa de idade e que aínda estean sen vacinar recibirán unha mensaxe de texto indicando o centro ao que teñen que asistir e unha hora aproximada para ser atendidos. 

Virus respiratorio sincitial

O pasado 20 de novembro arrincou en Galicia un ensaio pioneiro, o SINCIGAL, para avaliar o efecto da vacina do virus respiratorio sincitial nas hospitalizacións da poboación adulta contaxiada. Nun principio, dirixiuse aos maiores de 60 anos, por tratarse do grupo con maior risco de complicacións graves, ingresos e mortalidade asociadas ás infeccións respiratorias, e foron preto de 10.000 as persoas que aceptaron participar. Desde este mércores, o piloto amplíase aos maiores de 18 anos. O obxectivo é dispor dunha visión máis completa do impacto deste soro protector nas persoas adultas.

Todos os interesados poderán acudir, sen cita previa, a un dos centros participantes que se poden consultar neste buscador:

Ademais, esta fin de semana, os puntos abertos para a vacinación da gripe terán habilitadas tamén liñas para o ensaio Sincigal. No caso da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, só estará dispoñible no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).