Luis Tosar pon en valor a esencia única dos galegos no novo anuncio de Gadis: «Ninguén leva a contraria coma nós»

P. V. LA VOZ

SOCIEDADE

Luis Tosar, en la nueva campaña de «Vivamos como galegos»
Luis Tosar, na nova campaña de «Vivamos como galegos» Gadis

A nova campaña, con dous capítulos, destaca as contradicións dos galegos, o produto local, o legado da gastronomía e a paixón dos famosos por Galicia

14 nov 2025 . Actualizado á 17:54 h.

A alta calidade do produto local galego, o legado da cociña e a gastronomía, a paixón dos famosos pola nosa terra, o carácter único dos galegos e as contradicións que fan tan diferente á nosa comunidade son os temas que protagonizan este Nadal a nova campaña de Gadis, que volveu a emocionar nesta ocasión por partida dobre, cunha miniserie en dous capítulos moi diferenciados que pon de relevo, unha vez máis, o que nos une como pobo.

A compaña de distribución galega iniciou a súa campaña de Nadal cun primeiro curto publicitario hai unha semana, que comeza coa  chegada dunha mala noticia por teléfono a un home que traballa nun grande estudo en Berlín. Regresa a casa, a Galicia, para acudir ao enterro da súa nai. A súa proxenitora deixou un legado, un libro de receitas nos que foi recompilando coa atenta observación das persoas que a precederon nos fogóns.

O protagonista regresa á capital alemá co manual culinario escrito a man como o seu principal tesouro. Para recuperar desde o frío Berlín a escencia única da súa gastronomía, decide seguir de corrida o receitario da súa nai. Unha tortilla, unha empanada... Pero hai algo que falla, que non funciona nas elaboracións. O produto. Unha voz en off proxecta en voz alta os seus pensamentos. «Os produtos, sempre do país», escoita, e enumera o necesario: «O pan, de Cea ou de Carral; as patacas, de Coristanco; chourizos, de Ferreira de Pantón, e os pementos de Herbón».

Non ten que agardar moito para poder demostrar que é iso o que fallaba. Ao volver a Galicia polo Nadal, el e a súa familia volven seguir as receitas desa guía para facer o tradicional bacallau con coliflor ou o pito ao forno. «Nas receitas encóntranse gran parte das historias das nosas familias. Cada vez que se preparan son unha expresión de amor aos teus, ao noso. Non deixemos que se perdan», reflexiona a gravación, mentres o protagonista bica ao receitario e deposítao no prato baleiro na mesa onde, en anos anteriores, estaba a súa nai. «Cociñemos como galegos», conclúe esta primeira curtametraxe.

No segundo episodio, este mesmo protagonista acode a unha reunión de amigos, na cafetería A Dársena da Coruña. A pesar de estar emigrado, é consciente da paixón que desata Galicia ultimamente. Os clientes do local dan boa fe diso ao enumerar as persoas que ultimamente se deixaron ver pola comunidade. «Todo Hollywood está aquí», aseguran. Xente como Linda Evanxelista, Naomi Campbell ou Eugenia Silva, habituais asistentes ás exposicións da Fundación Marta Ortega Pérez; ou Richard Gere, casado coa coruñesa Alejandra Gere; David Chipperfield, aclamado arquitecto que é un veciño máis de Corrubedo, ou «Superman, que vén mercar vacas», lembra un deles sobre a visita de Henry Cavill a Galicia ante a alta calidade da carne de tenreira galega.

A reflexión dos alí presentes sobre que é o que chama a atención de todos sobre Galicia interrómpea unha voz inconfundible, a de Luis Tosar, que ten unha conclusión infalible sobre que fainos únicos. «Levar a contraria. Ninguén leva a contraria coma nós», comeza a declamar, antes de explicalo con multitude de exemplos. Que alguén non quere comer máis? Bótaselle comida no prato. Cando nun bar non apetece outra, «é a penúltima», contesta o camareiro do local.

Capaces de non contestar as preguntas ou de responder con outra cuestión en caso de facelo, ou de seguir celebrando ser viquingos ano a ano mentres a outros lles obsesiona o Imperio Romano. «¿Todos con Isabel? Nós coa Beltraneja», lembra Tosar sobre a historia galega.

«Canto máis pequena é a aldea, máis grande é a orquesta», lembra o soado actor, que lembra ademais que, fronte a outras costas rectas de moitos outros lugares, en Galicia o que predomina son as rías, «ben retorcidas».

Gadis e Tosar, ademais, apúntanse ao equipo «horario de verán», cando destaca a contradición de que sexa de día en época estival ás 11 da noite. Pero iso lévalle a unha conclusión: «Nas luces, na comida, no amor e na vida en xeral, para que chegue, ten que sobrar». Para rematar, recomenda gozar desa hora de máis e lembra o lema da compaña de supermercados: «Vivamos coma galegos».