Esta semana agarda un tren de borrascas profundas que afectarán á comunidade galega
27 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Terra está a quentarse a un ritmo sen precedentes. Pero isto non implica que só haxa que agardar calor. A ciencia leva anos apuntando a unha correlación estatística entre o quecemento do Ártico e os invernos severos nas latitudes medias. O temporal Filomena de xaneiro do 2021 é un bo recordatorio. Velaquí outro caso que demostra que o cambio climático ten moitos rostros e os seus propios paradoxos.
A temperatura no Polo norte aumenta ata catro veces máis rápido que o resto do planeta debido a un mecanismo coñecido como amplificación. O xeo reflicte moita radiación solar, pero ao retroceder deixa á descuberto superficie oceánica que a absorbe. O océano convértese ademais nunha fonte de humidade para as rexións circundantes como, por exemplo, Siberia.
No outono e inverno boreal, a rexión siberiana é un dos lugares máis xélidos do mundo. As temperaturas poden descender facilmente ata os 30 graos baixo cero. Cando o aire húmido procedente do Ártico acada o continente, pode provocar nevadas descomunais.
O meteorólogo estadounidense Judah Cohen do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) leva décadas analizando a relación entre a neve siberiana que se acumula en outubro e os invernos europeos. Cada ano por estas datas, a comunidade meteorolóxica de todo o mundo está pendente das súas previsións. Nunha publicación recente, Cohen asegura que a tempada de neve adiantouse e a cobertura acadou unha extensión superior á media.
Anticiclón térmico
A acumulación de neve en Siberia reflicte a radiación solar e arrefría o chan. Iníciase así unha retroalimentación que provoca que o aire estea cada vez máis xélido. Como consecuencia, aparece un potente anticiclón térmico, diferente ao dos Azores, capaz de alterar a dinámica meteorolóxica do hemisferio norte.
O anticiclón siberiano pode debilitar o vórtice polar, o cinto de ventos que hai na alta atmosfera do Ártico e que confina un aire extremadamente frío.

Cando se deforma, afecta á súa vez á corrente en chorro. En lugar de moverse de oeste a leste, adoita configurarse en forma de meandros que canalizan aire polar na ondulación que descende e cálido na que ascende.

Cando a corrente circula con meandros, a meteoroloxía en Galicia é inestable e facilita episodios de temperaturas diferentes á media, tanto por amais como por baixo. Se a comunidade galega acumula uns meses moi cálidos débese a que a Península estivo de xeito recorrente dentro da parte ascendente da corrente que trae aire subtropical.
Cohen destaca que nos últimos catro outubros, entre o 2020 e o 2024, rexistrouse unha cobertura de neve inferior á media, de tal forma que a situación actual representa un cambio de tendencia. Di que é pronto para prognosticar con garantías como será o inverno, pero coa información dispoñible, aposta a que será como mínimo «moi dinámico». E xa adianta que en novembro podería formarse un anticiclón de bloqueo en Groenlandia que obrigaría ás borrascas para circular máis ao sur. É xusto o que vai ocorrer polo menos esta próxima semana
Os modelos meteorolóxicos anuncian a chegada dun tren de sistemas de baixas presións que cruzará o Atlántico e que afectará de cheo á comunidade galega. Mañá agardan as primeiras precipitacións da man dunha borrasca que chega desde as Azores e non desde Terranova, onde adoitan nacer as que afectan á comunidade.
O venres vai situar ao noroeste da Península un ciclón extratropical bastante profundo que deixará ventos intensos e choivas fortes, especialmente nas provincias atlánticas.
Despois, os principais modelos de predición anuncian a chegada de novas borrascas que se van a situar moi preto de Galicia. De feito, algunha delas tamén afectará o sur da Península, algo que adoita ocorrer cando circulan máis ao sur do normal.