Os 25 anos do CITEEC: a incrible viaxe polo túnel do vento, a impresora 3D de formigón e a investigación do cancro

Gladys Vázquez / Jorge García REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Jorge García

La Voz pasa un día dentro dun dos centros de investigación pioneiros a nivel europeo. O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil amosa como aplica a súa ciencia á sociedade

20 oct 2025 . Actualizado á 09:34 h.

Ao entrar no CITEEC é imposible non sentir a enerxía. O seu equipo, formado por 150 persoas, transmite o inevitable entusiasmo que se sinte cando un dos grandes centros da ciencia de Galicia cumpre 25 anos

Elas e eles son o talento deste edificio ubicado na entrada do Campus de Elviña da Universidade da Coruña. Persoal investigador senior, investigadores en formación e un enorme staff de persoal técnico e de xestión que traballa cada día pola sociedade.

«O CITEEC é o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil», dános a benvida Gemma Rojo. Técnica de Xestión e investigadora no Grupo de Construción, vai ser a guía do equipo de La Voz nesta inmersión para coñecer o traballo que se fai nas tripas deste edificio, que conta con dez laboratorios que traballan arreo en prácticamente todas as áreas da enxeñería civil. Desde a sanitaria á ambiental, pasando pola hidráulica, portos e costas ou a modelización númerica. «Desenvolvemos investigacións e traballos de transferencia no entorno vinculado á enxeñería civil e á edificación», resume Gemma.

Baixo o lema «Imaxinar, innovar, vivir e celebrar» chegan ao cuarto de século en constante evolución. Este centro é único. Non hai outro así. Tamén é un referente nacional e, por suposto, europeo. «O que facemos aquí está vinculado á sociedade. Á xente sorpréndelle porque a ciencia non é só bata branca. Nós traballamos con botas de seguridade e casco. O máis lixeiro que temos, por exemplo, no laboratorio de construción pesa máis de cen kilos”, di Gemma rindo.

Precisamente é cara ese laboratorio onde nos conduce. Un lugar que ela coñece ben porque alí fixo a súa tese sobre o formigón. «Un veciño preguntoume que máis había que investigar sobre o formigón», relata divertida.

A realidade é que esta doutora gañou o premio ANCI 2024, un dos galardóns máis prestixiosos do país, polo seu traballo sobre o formigón sostible.

Imaxe da impresora 3D de formigón do CITEEC
Imaxe dá impresora 3D de formigón do CITEEC JORGE GARCÍA

«Hai que pensar que a enxeñería civil a empregamos desde que nos levantamos pola mañá e abrimos a billa e temos auga potable, ata que collemos o transporte público ou o noso coche e imos polas estradas». É ciencia aplicada á vida. Algo que ten que moito que ver co que están facendo agora mesmo diante da impresora 3D dúas das investigadoras do CITEEC. «Estamos tratando de desenvolver un material sostible. En concreto, formigón sostible, que se poida fabricar mediante impresión 3D, que é unha fabricación dixital», introduce Sindy Seara, investigadora do Grupo de Construción. Ela traballa con Belén González, investigadora do mesmo grupo, en contribuír a modernizar este sector. «O que a xente non sabe é que o formigón é o segundo material máis utilizado a nivel mundial, despois da auga. Un dos principais problemas que ten, respecto á sustentabilidade, é que emprega cemento, que é unha importante fonte de emisións. Para conseguir un formigón sostible, tes que intentar reducir a cantidade de cemento e reducilo por materiais alternativos», explica Belén, mentres o resto de compañeiros traballan xa na impresora. «Estamos en fase experimental, tratando de axustar as mesturas», di sobre a masa de formigón que están introducindo na máquina. «O que facemos é levar o formigón á impresora e imprimilo para ver se somos quen de facer pezas que manteñan a forma sen ter que usar un enconfrado», continúa Sindy.

Ver como traballa a impresora é magnético. O extrusor vai facendo debuxos co formigón ata construir pezas cadradas e circulares. «É moi similar a como traballan as impresoras de plástico. Ten un software parecido, dáslle unhas coordenadas para que a mestura se coloque onde queres. O difícil é axustar que esa masa poida saír polo extrusor e sosterse. Unha das ventaxas deste formigón é que non require de man de obra», explica Belén sen quitar ollo do proceso. 

Sindy Seara e Belén González
Sindy Seara e Belén González JORGE GARCÍA

O obxectivo é, polo tanto, que esta investigación sexa de aplicación na industria. Unha das dúas liñas nas que traballa o equipo do CITEEC. «As nosas fontes de financiación principais son os proxectos de investigación, que moitas veces veñen de fondos públicos. É dicir, fondos europeos, do ministerio ou da Xunta. Temos outros, que chamamos transferencia, que son aqueles que firmamos coa empresa privada», indica Gemma Rojo. Polo tanto, as empresas que teñen un problema que resolver, teñen no CITEEC os cerebros que pensan unha solución. A maioría deles baixo contratos de confidencialidade. 

Mentres Sindy, Belén e o resto dos compañeiros seguen traballando na impresora 3D de formigón, dúas mozas miran atentas ao monitor dunha altísima estrutura chamada Torre de Impacto. «O funcionamento é sinxelo. A torre está formada por dous carros. Un alza ao outro. O carro vermello deixase caer e, co material que temos na base, sabemos como se comportaría en casa de impacto». Explica Carmen López, investigadora posdoutoral no Grupo de Mecánica de Estruturas. Esta profesional , que estudou Enxeñería Aeroespacial, presentaba a súa tese hai un ano.  «En que condicións facemos esta proba? -continúa- Pois, por exemplo, se estamos nun coche e chocamos con outro ou no caso dunha aterraxe forzosa en aviación, podemos facer o ensaio, tendo en conta a altura e a masa, sabendo a enerxía que queremos lanzar sobre o elemento, a velocidade coa que imos ensaiar ou a altura». Vemos esa proba, que dura apenas un segundo. O equipo ten unha cámara de alta velocidade que grava o momento e que toma os datos para poder analizalos. Ao carón de Carmen está Sandra Sanmartín, investigadora en formación no Grupo de Mecánica de Estruturas, que está a preparar a súa tese. «Á xente temos que explicarlle o que facemos porque é difícil se non o ves. Eu estou facendo probas cunhas estruturas que están feitas coa impresora 3D e levan dentro espuma. Son de aluminio e grazas a esa espuma, absorben menos enerxía que se non a tivese. A verdade é que levar a ciencia á rúa é moi importante», di sostendo unha desas pezas. 

Carmen López y Sandra Sanmartín na torre de impacto
Carmen López e Sandra Sanmartín na torre de impacto JORGE GARCÍA

Un dos aspectos que máis chama a atención do CITEEC é a espectacularidade das súas instalacións. Un aspecto clave nos proxectos nos que traballan. «Este equipamento pode roldar os 15 millóns de euros. Son instalacións punteiras, coma o Túnel do Vento de Capa Límite ao que chamamos TUCLA», explica Gemma Rojo. Para chegar a un dos dous túneles do vento deste centro de investigación, hai que saír ao exterior e chamar a un interfono. Quen responde é Miguel, que autoriza a entrada. Un xesto necesario porque o corredor do propio edificio é unha canle que forma parte do túnel. Se nese momento está prendido, podemos interferir no ensaio ou incluso podería ser perigoso segundo a velocidade á que circule o vento nese intre. Xa na cámara de ensaio parece que cambiamos de dimensión. Dentro da estructura hai unhas ás de dron. «Este túnel é tan longo porque é un túnel de capa límite. Aquí podemos ensaiar con taboleiros dunha ponte, con paneis solares ou coas torres dun aeroxerador», explica Miguel Roca, técnico de apoio á investigación no Grupo Mecánica de Estruturas . O que fai este investigador é seleccionar a velocidade do vento, que pode chegar a 100 quilómetros por hora. «No outro túnel que temos, o aerodinámico, ensaiouse, por exemplo, o taboleiro da ponte de Rande na súa ampliación», exemplifica. Miguel cóntanos que o vento nun taboleiro inflúe moito. ainda que non o pareza. «Non ten que ser unha velocidade demasiado esaxerada. Segundo o caso, con 20 quilómetros por hora é suficiente para que a estrutura dunha ponte falle».

Miguel Roca traballa no túnel do vento
Miguel Roca traballa non túnel do vento JORGE GARCÍA

No caso das granxas solares, ao ser estructuras moi esveltas, con moita lonxitude entre apoios, a forza do vento pode supoñer o fallo da estrutura. «Traballamos a escala, claro», apunta Miguel mentres recupera o seu posto na zona de control.

Un dos aspectos máis chamativos da visita ao CITEEC é que está agardando por nós un enxeñeiro de Camiños que traballa para mellorar a saúde. Neste centro as formacións mestúranse unhas coas outras.

«O CITEEC tivo nos últimos 25 anos unha relación moi estreita coa Escola de Camiños, pero tamén estamos moi relacionados con Arquitectura, Ciencias, Informática e incluso con Ciencias da Educación».

Guillermo Lorenzo traballa en investigación de cancro
Guillermo Lorenzo traballa en investigación de cancro JORGE GARCÍA

Precisamente no seu despacho agárdanos un dos grandes investigadores galegos dos últimos anos. El é Guillermo Lorenzo, investigador Ramón y Cajal no Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñería, que o pasado mes de setembro recibía 1,5 millóns de Europa para desenvolver xemelgos dixitais que anticipan a progresión dun tumor. O seu traballo forma parte tamén do CITEEC. «A formación dos enxeñeiros de Camiños é moi forte a nivel científico e técnico. A min gustábame moito que o meu traballo tivese unha compoñente social así que me orientei cara a oncoloxía computacional». Guillermo non traballa nin con túneles de vento ni con tanques de auga. El emprega ecuacións matemáticas que permiten facer un seguemento dos doentes mediante imaxe médica, datos clínicos ou predicir que tratamento pode ser mellor para esa persoa. «Traballo, sobre todo, en cancro de próstata porque é un tipo de cancro que afecta a moitos homes, o principal en moitos países do mundo e unha enfermidade sobre a que se miden moitos datos ao longo do tempo. Datos que nos informan sobre como medra a nivel de órgano e tamén a nivel molecular. Con eses datos podo crear modelos, probalos, facer estudos de validación con pacientes e así poder desenvolver estas tecnoloxías que más adiante se poderán empregar noutros cancros dos que non temos tantos datos, por exemplo o de páncreas», explica poñendo un exemplo que queda claro durante toda a xornada: a dedicación fundamental que hai nun campus como o da UDC para mellorar a vida das persoas. Saúde ou estradas, tanto ten. Ciencia para a sociedade.