Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

A Real Academia Galega de Ciencias premia a traxectoria de cinco científicos e científicas da comunidade

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

Cedidas

O ceense Francisco J. Blanco, a marinense Laura Carballo, o guardés Juan María Pou, a coruñesa Nieves Rodríguez e a brionesa María del Carmen Veiga recibirán a súa distinción no Día da Ciencia en Galicia o próximo 8 de outubro en Santiago

30 sep 2025 . Actualizado á 17:05 h.

A Real Academia Galega de Ciencias distinguirá coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos o vindeiro mércores 8 de outubro, no Día da Ciencia en Galicia, en Santiago. O galardón condensa traxectorias singulares en investigación desenvolvidas na comunidade e recompensa a promoción da ciencia e das tecnoloxías galegas.

Francisco J. Blanco, nacido en Cee, recibirá o premio Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e Laura Carballo, de Marín, a Domingo García-Sabell Rivas no ámbito de Ciencias Económicas e Sociais. Ademais, Juan María Pou, nacido na Guarda, obterá o galardón Isidro Parga Pondal na sección de Ciencias Técnicas; a coruñesa Nieves Rodríguez, a Enrique Vidal Abascal dentro da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, e María del Carmen Veiga, de Brión, a Antonio Casares Rodríguez na sección de Química e Xeoloxía.

Francisco J. Blanco García (Cee, 1963)

Recibirá o premio Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Grazas á súa carreira, o galego erixiuse como unha das figuras máis destacadas do medicamento español e un referente internacional na área da Reumatoloxía. Xefe da sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional do CHUAC, lidera o Grupo de Investigación en Reumatoloxía onde captou máis de 10 millóns de euros nun lustro.

Actualmente, impulsa a aplicación de tecnoloxías avanzadas relacionadas co Big Data e a intelixencia artificial para personalizar o diagnóstico e o tratamento das enfermidades reumáticas. É investigador, con máis de 1000 publicacións científicas e oito patentes e no 2017 foi recoñecido como o mellor investigador do mundo en osteoartritis, sendo o primeiro e único español e o quinto europeo en recibilo

Laura Carballo Piñeiro (Marín, 1971)

Será recoñecida coa medalla Domingo García-Sabell Rivas no ámbito de Ciencias Económicas e Sociais. Catedrática en Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, articula as súas investigacións, principalmente, ao redor do Dereito laboral marítimo internacional e é polo que se converteu en todo un referente. Tamén é catedrática de Dereito e Política Laboral Marítima na World Maritime University da Organización Marítima Internacional (OMI), na que foi directora do seu departamento de Dereito e Política Marítima.

Entre os seus traballos destaca a participación nun consorcio internacional para prover á Dirección Xeral de Transportes da Comisión Europea dun estudo sobre os aspectos sociais dentro do transporte marítimo, un proxecto para a Federación Europea de Traballadores do Transporte sobre a seguridade social e emprego marítimo e a dirección dun programa destinado a promover o traballo decente a bordo de buques da mariña mercante. Entre outras cousas. É, ademais, asesora do Comité de Expertos na Aplicación dos Convenios e Recomendacións da Organización Internacional do Traballo e vai converterse na primeira galega en impartir un curso na Academia de Dereito Internacional da Haia.

Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963)

Colgarase a medalla Isidro Parga Pondal na sección de Ciencias Técnicas. Catedrático en Física Aplicada da Universidade de Vigo, é o cofundador e investigador principal do grupo de «Aplicacións Industriais dos Láseres» da UVigo e un referente internacional neste ámbito. Centra as súas investigacións nas aplicacións dos láseres na industria, saúde e sustentabilidade e conseguiu recadar preto de 8 millóns de euros a través de proxectos, contratos e máis de 34 patentes. Entre os seus traballos, destaca a posta en valor dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción marítimas (aproveitamento de espiñas de peixe para obter fosfato de calcio, melloras na eficiencia dos sistemas mecánicos das artes de pesca ou a mellora de produtos e servizos nos sectores da automoción, entre outras áreas). Ademais, Pou participa nun proxecto europeo que se centra en empregar tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non chegan a rexenerarse.

Nieves Rodríguez Brisaboa (A Coruña, 1957)

CESAR QUIAN

Será galardoada coa medalla Enrique Vidal Abascal dentro da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Rodríguez, catedrática en Ciencias da Computación da Universidade da Coruña, conta cunha traxectoria como investigadora de máis de 30 anos no mundo dos algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamiento de grandes volumes de datos. En 1996 creou o Laboratorio de Bases de Datos e unha liña de investigación en Sistemas de Información Xeográfica. Neste último apartado dirixiu os traballos de creación do SIG da Deputación da Coruña, a Biblioteca Virtual Galega, a Viaxe Virtual por Galicia, a Hemeroteca Virtual da RAG ou o sistema de administración electrónica para o IGVS, entre moitos traballos máis.

No 2019, recibiu o Premio Nacional de Informática da SCIE-BBVA, ademais de dirixir 44 contratos con diferentes empresas (nacionais e internacionais), administracións e organizacións cun presuposto de máis de 3,7 millóns de euros. No 2003, tamén, promoveu a creación de Exenio, con máis de 40 traballadores e uns ingresos por amais dos 2 millóns. 

María del Carmen Veiga Barbazán (Brión, 1959)

Recibirá a medalla Antonio Casares Rodríguez na sección de Química e Xeoloxía. Catedrática de Enxeñería Química da Universidade da Coruña, investiga en biotecnoloxía ambiental, en concreto sobre o tratamento de augas residuais, valorización de residuos sólidos e depuración de verteduras gasosas mediante procesos biotecnolóxicos sostibles.

Veiga desenvolve procesos eficientes para eliminar contaminantes e recupera compostos de alto valor comercial como bioplásticos ou biocombustibles. Posúe dúas patentes nacionais, unha sobre a produción de biopolímeros a partir de residuos da industria cervexeira e outra sobre a bioconversión de gases residuais en bioetanol. Figura na World´s Top 2% Scientist List que publica a Universidade de Standford onde se recoñece aos científicos máis influentes de todo o planeta.