



























As alertas, que a Xunta elevou onte no sur de Pontevedra, estenderanse pola comunidade, con excepcións puntuais no norte grazas ao nordés
04 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Só o norte da Coruña e Lugo, e de xeito intermitente en función do que sopre o vento do nordés, van librar de onda de calor que onte se deixou sentir sobre todo en Pontevedra, pero que se vai a estender por practicamente toda a comunidade. De feito, Meteogalicia ten activado avisos para hoxe e mañá, porque só se fan a 72 horas vista, pero os seus técnicos dan por feito que se prolongarán, probablemente con algunha pequena tregua cara ao xoves, pero cunha intensificación da calor a fin de semana que vén.
A Xunta onte tivo que subir a nivel 2 a alerta para a zona Litoral e o Miño de Pontevedra e activar a de nivel 1 no suroeste da Coruña e Valdeorras. Nos 27 concellos das Rías Baixas e nos 16 do interior de Pontevedra incluso chegaron a suspender as actividades deportivas no exterior a partir das 13.00 horas.
Ao bordo dos 40 graos
Aínda que a temperatura máis alta de Galicia onte (40,3 graos), como vén sendo habitual, rexistrouse en Leiro (Ourense), os seguintes tres valores máximos corresponden á provincia de Pontevedra, e iso xa non é tan común. Salvaterra do Miño chegou aos 39,6 graos, Arbo rexistrou unha décima menos e Ponteareas acadou os 39,4. As escenas de calor asfixiante volvéronse xeneralizadas en toda a zona.
Hoxe o mapa dos avisos tingue de amarelo practicamente toda Galicia excepto a costa norte. E no sur esas alertas son incluso de nivel laranxa nunha ampla franxa que vai desde a Montaña de Lugo ata Tui. Mañá seguirá o nivel no Miño de Pontevedra e súmase un novo factor, a alerta por mar de vento na Costa da Morte e o noroeste da provincia da Coruña.